Baltar almacenará a súa maquinaria nunha nave municipal para evitar roubos

Imaxe do lateral da nova nave construída polo concello.
Baltar almacenará a súa maquinaria nunha nave municipal para evitar roubos

A infraestrutura estará rematada "antes de finais de ano".

O concello limián de Baltar disporá, a partir de finais do presente ano, dunha nave industrial onde almacenar a maquinaria de obras e outros materiais do concello, que antano foran obxecto de roubos. Por mos das substraccións de combustibles e de outros recursos de titularidade municipal, o goberno local baltarés, presidido polo popular José Antonio Feijóo, decidiu adquirir un terreo situado á beira da Casa da Cultura municipal, e construír unha nave de almacenaxe.

O concello asumiu economicamente a compra do terreo mentres que a construción da infraestrutura, que se comezou no mes de febreiro, foi financiada a través de varios plans provinciais da Deputación. O pago do terreo realizouse en oito anualidades, aínda que o rexedor non quixo especificar a contía exacta. Pola súa banda, a construción da nave conlevou un gasto total de arredor de 120 mil euros.

A nave dispón de espazo por case 300 metros cadrados e estará rematada "antes de finais de ano". Xa foron colocadas as portas de acceso e queda pendente a instalación do circuito eléctrico e máis o acondionamento dos accesos no entorno. "A maquinaria estará protexida dos roubos de gasóleo e máis das baixas temperaturas do inverno", afirma Feijóo. Afirma isto o alcalde, consciente de que na vila limián de Baltar, chéganse a alcanzar algunhas das mínimas históricas de toda a provincia durante os meses máis fríos do ano.

En canto estea rematada a infraestrutura, o alcalde prevé instalar tamén no interior "unha oficina con persoal administrativo" para que xestione o inventariado de material. O terreo, que trala construción da nave, deixa un grande espazo libre propiedade do municipio, "tamén o empregaremos para outros usos municipais", comenta Feijóo. Ata este momento a maquinaria e material do concello gardábase nas instalacións do forno comunitario ou no exterior, cuestión que facilitaba o acceso aos ladróns. Xa non será así no 2017.