As obras da estrada de Tixós, Baltar, mellorarán o tránsito peonil

As obras da estrada de Tixós, Baltar, mellorarán o tránsito peonil
Trátase, segundo Gabriel Alén, "de mellorar o tránsito peonil e o acceso ás edificacións da entrada sur do núcleo de Tixós mediante a construción dunha nova beirarrúa que conecte coa existente".

Estanse levando a cabo melloras na seguridade viaria de Tixós mediante a realización de novas beirarúas na estrada OU-304. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou as obras, acompañado do alcalde, José Antonio Feijóo.

Estas obras, comentou o delegado territorial, contarán cun investimento de preto de 50.000 euros, terán un prazo de execución estimado de 4 meses.

Trátase, segundo Gabriel Alén, "de mellorar o tránsito peonil e o acceso ás edificacións da entrada sur do núcleo de Tixós mediante a construción dunha nova beirarrúa que conecte coa existente".

A beirarrúa terá unha anchura de 1,60 m, segundo o espazo dispoñible e mantense a beiravía existente, instalándose baldosa hidráulica sobre morteiro e soleira de formigón cun bordo prefabricado de formigón.

Ademais, comentan dende a delegación territorial, que se están realizando muretes de contención no exterior da beirarrúa, de altura media entre 1,0 e 1,5 m, para limitar a ocupación xa que o terreo nese tramo descende con certa pendente cara ás fincas lindeiras.

Tamén, ao longo do tramo haberá baixo a beirarrúa un colector de pluviais de PVC de 400mm, cos sumidoiros e pozos necesarios para recoller a auga de escorrentía, e un prisma de iluminación con dous tubos de PE de 90mm en previsión de futuras instalacións na zona.

Non é necesaria a realización de expropiacións, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade afirma que continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.