Kepa Junkera visita Baltar para actuar nunha nova edición do Laroucofest

larouco
Kepa Junkera visita Baltar para actuar nunha nova edición do Laroucofest

A Xuventude do Concello de Baltar e a Asociación de Mulleres Rurais A Raia, organizan a segunda edición do Laroucofest. O festival que mestura tradición e música terá lugar o 8 e 9 de xullo.

Este ano o cartel está cargado de grandes actuacións. O festexo inaugúrase o venres ás 19.30h cunha foliada a cargo de grupos locais. Pola noite será a quenda do concerto de Böj dende Irlanda a partir das 22h e ó remate subirase ó escenario Anxo Lorenzo Band.

O sábado é o gran día do Laroucofest con actividades para todas as idades. A xornada comeza ás 17.30h cunha foliada da man da banda de gaitas de Baltar e máis grupos. Posteriormente os máis pequenos poderán gozar co contacontos "o carballo con botas" por Anxo Moure.

Ás 20h terá lugar unha proxección audiovisual para a sustentabilidade da Serra do Larouco e tratará sobre os incendios forestais e as súas consecuencias. O festival remata ás 21h coas grandes actuacións de Tiruleque, Kepa Junkera e Festicultores Troupe.

O Laroucofest contará tamén con postos de artesanía e comida, bar e zona de acampada. Na zona haberá unha exposición fotográfica da serra.

Unha completa programación que ten como fin mesturar música, deporte e sobre todo sensibilizar á xente co coidado do medio ambiente. "Por esta razón se creará un movemento xuvenil medioambiental onde loitar contra a lacra dos incendios que tan afectada deixou a zona do Larouco o ano pasado", destacan dende a organización do festival.