Unha nova zona de esparcemento para veciños e peregrinos á beira do río Limia

antiga escombreira
Unha nova zona de esparcemento para veciños e peregrinos á beira do río Limia

Na antiga escombreira, ao carón da estrada de Baltar, as alumnas do Obradoiro Vía da Prata construíron unha bancada no desnivel que funcionará como punto de encontro ao aire libre

As alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata converten a antiga escombreira, emprazada ao carón da estrada de Baltar e o parque da Seara, á beira do río Limia, nunha zona de esparcemento para veciños/as e peregrinos/as.

As obras consistiron na construción dunha bancada no desnivel que pretende funcionar como punto de parada e tamén de reunión ao aire libre. Ademais, creouse un novo xardín con preto de 200 novas plantas e árbores. Un pequeno estanque tamén decora este espazo no que as alumnas puxeron todo o seu empeño.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, destacou o cambio radical deste novo punto de encontro ao aire libre, un paso máis para mellorar a accesibilidade do Camiño de Santiago.

Outros espazos da vila como o parque do Pombal tamén mudaron de imaxe nos últimos meses polo traballo das alumnas do Obradoiro de Emprego Vía da Prata. Máis en concreto, realizáronse traballos para arranxar a pavimentación das lousas e acondicionar as beirarrúas e tamén labores de xardinería.

Revalorizar o Camiño ao seu paso por Xinzo de Limia foi o principal obxectivo do Obradoiro. Realizouse unha labor de formación que facilitará a inserción laboral de 16 persoas, maioritariamente mulleres.

Xinzo e Sandiás uniron as súas forzas para solicitar á Consellería de Emprego e Igualdade unha subvención para a posta en marcha da iniciativa e crear unha agrupación para a xestión compartida do programa de emprego e formación con 16 alumnas traballadoras durante un período de tempo de nove meses.