sábado. 30.09.2023

Onte informabamos da historia de Olimpia Valencia, a muller nacida en Baltar e que é considerada a primeira muller médica de Galicia. O artigo que este xornal publicou –con versión orixinal en castelán de Alexander de los Ríos en Vía Lethes– foi dos máis lidos e compartidos da xornada.

Mais na homenaxe a unha muller que rompeu con moitos dos estándares establecidos na sociedade, rachando un groso teito de cristal por primeira vez, semella que se adiantou o concello de Vigo, onde ela viviu coa súa familia dende os 12 anos de idade.

Así mesmo, o consistorio vigués atópase en conversas cun coñecido e afamado escultor limián, para lle facer unha escultura monumental de homenaxe de arredor de 5 metros de altura e 120 toneladas de peso –nada menos–. Si, o escultor é Xosé Lois Carrera, e achéganos este boceto que, a falta de confirmación, poida que sexa o inicio da xigantesca homenaxe dunha limiá nas Rías Baixas.