A Asociación de Veciños das Conchas esixe "responsabilidade" a Gas Natural

Embalse das Conchas 1
A Asociación de Veciños das Conchas esixe "responsabilidade" a Gas Natural

A asociación realizará nos próximos meses unhas novas probas para estudar os parámetros de contaminación do embalse.

Por mor dunha publicación aparecida en varios medios na que a empresa Gas Natural Fenosa manifestaba a última analítica realizada no Embalse das Conchas –o pasado 21 de agosto– que "confirma a considerable mellora da calidade da auga e a ausencia de cianobacterias", a Asociación de Veciños das Conchas vén de solicitar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Gas Natural, a documentación relativa ás análises das que presumen e aos laboratorios externos que as realizaron.

Dende a asociación agardan que ambas entidades sexan o máis "responsables, transparentes e efectivas" posibles.

Dende a asociación agardan que ambas entidades sexan o máis "responsables, transparentes e efectivas" posibles para facerlles chegar esas análises á maior brevidade. Así mesmo, os veciños veñen de anunciar que eles mesmos van realizar nos próximos meses unhas novas probas para estudar os parámetros de contaminación do embalse.

Agardan que as accións da empresa e da Confederación vaian encamiñadas no futuro cara o "restablecemento real da calidade da auga" e a respectar o seu compromiso de xestión ambiental.