O Banco Pastor, condenado a lle devolver o diñeiro da cláusula solo a un veciño de Bande

pastor
O Banco Pastor, condenado a lle devolver o diñeiro da cláusula solo a un veciño de Bande

Primeira sentenza destas características en toda a provincia de Ourense

O xulgado de Bande acaba de condenar ao Banco Pastor a devolver todo o cobrado por aplicar unha cláusula solo. A entidade bancaria teralle que pagar todo o diñeiro a un particular da citada localidade que subscribiu un préstamo hipotecario co banco, o 22 maio do 2007.

Trátase da primeira resolución que se produce na provincia de Ourense despois de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea resolvese o día 21 de decembro que procede a devolución do diñeiro que se cobrou de forma irregular ao amparo das denominadas cláusulas solo.

A sentenza do xulgado de instrución de Bande ditouse once días despois do fallo europeo e dá a razón a un particular que presentou unha demanda contra a entidade financeira pola aplicación das cláusulas solo "que claramente impide aos clientes da entidade bancaria beneficiarse das fluctuaciones á baixa do tipo variable pactado", reza o fallo xudicial. Establece que máis que un contrato hipotecario no que o cliente e o banco acordan unhas condicións, o que impón este é "un contrato de adhesión" limitándose a "aceptar, en bloque, as cláusulas propostas, sen que exista unha previa negociación individualizada do contido do contrato".

Con respecto ao criterio de "cláusula abusiva", a resolución alude a que esta "non é abusiva en si mesma, senón que o é por non conter o contrato ningunha contrapartida ao risco real e efectivo que asume o consumidor, e non a entidade bancaria, fronte ás fluctuaciones do tipo de interese, ou o que é o mesmo, por non existir nin tan sequera unha cláusula teito que limite efectivamente o risco que asume o consumidor do mesmo xeito que a cláusula solo limita o que asume a entidade bancaria calquera outra que lle compense especificamente polo devandito risco".

A sentenza en Bande é a primeira que se produce en Ourense, pero forma parte dun continxente cada vez máis amplo de resolucións e cada vez son máis os despachos de avogados que publicitan os seus servizos para reclamar a recuperación dese diñeiro cobrado ilícitamente polos bancos.