Bande acollerá a III edición da BTT do Peixe

btt en Bande
Bande acollerá a III edición da BTT do Peixe

A celebración deportiva, cun percorrido de 37 quilómetros de dificultade media-alta, terá lugar o día 20 de agosto

O Concello de Bande acollerá o día 20 de agosto, a III edición da BTT do Peixe que conta cun percorrido de 37 quilómetros de dificultade media-alta. A presentación desta cita deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello de Bande; José Antonio Armada; e o membro da organización da BTT, David Sánchez.

A Deputación de Ourense \“apoia este tipo de iniciativas que aglutinan deporte, saúde e natureza, e que permiten aos participantes gozar da riqueza paisaxística deste municipio\”, asegurou Rosendo Fernández. Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a oferta deportiva e cultural do Concello de Bande \“no que hoxe debutan as Xornadas de Folclore\”.

A saída desta proba deportiva de carácter lúdico e non competitivo, terá lugar ás 9.00 horas, na Praza da Constitución do municipio. \“Trátase dunha ruta de 37 quilómetros de lonxitude con catro avituallamentos. O percorrido cambiámolo cada ano para dar a coñecer distintas zonas do Concello de Bande\”, explicou David Sánchez.

A data escollida para a celebración da proba é \“porque nesta época hai moita xente que vén de vacacións e buscan actividades durante a súa estancia, para elo puxemos a súa disposición un servizo de aluguer de bicicletas con diferentes empresas, que lle van permitir recoller a bicicleta e entregala no propio punto de saída\”, asegurou David Sánchez.

Pola súa parte, o alcalde de Bande agradeceu o apoio da Deputación de Ourense \“sen o cal sería difícil levar a cabo moitas destas probas que nos axudan a promocionar o noso municipio\”, e engadiu, \“os participantes desta ruta poderán gozar do noso paraxe do Xurés e da Baixa Limia. Asemade a proba coincide coas festas patronais de Bande, polo que o clima festivo se engade tamén a esta celebración\”.

\“Espero que este sexa outro evento máis con éxito de participación e, sobre todo, un éxito para o Concello de Bande, como teñen sido as anteriores edicións e os eventos que estamos a realizar, como a última andaina e trail que se fixo\”, asegurou José Antonio Armada.

Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 16 de agosto, a través da páxina web www.bandebtt.es, ou nas dependencias do Concello ou do Pavillón de Bande. O prezo da inscrición é de 10 euros e inclúe \“un obsequio dunha mochila técnica, unha paella para todos os participantes ao finalizar a ruta, e acceso gratuíto ás piscinas do concello\”, dixo o membro da organización da BTT.