Bande e Blancos recibirán 200.000 € para melloras en infraestructuras

Praza Bande
Bande e Blancos recibirán 200.000 € para melloras en infraestructuras

A Xunta colaborará cos concellos de Bande e Os Blancos en cadanseu proxecto para mellorar espazos públicos, cun investimento total de máis de 200.000 €

A Xunta colaborará cos concellos ourensáns de Bande e dos Blancos na execución de cadanseu proxecto urbanístico destinado á mellora e humanización de espazos públicos. O investimento total previsto entre ambas actuacións ascende a máis de 200.000 euros.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura de dous convenios de cooperación entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e cada un destes municipios que permitirán levar a cabo e incorporar ao patrimonio local as obras resultantes.

En concreto, o acordo autorizado con Bande ten como fin acometer a reforma da praza da Constitución, da zona do mercado e da biblioteca do concello, actuacións que requirirán dun investimento estimado de 123.533,70 euros a cofinanciar entre ambas administracións —a achega da Xunta será dun 70% e a do Goberno local, dun 30%.

Os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, recuperarán este espazo público, un lugar concibido para o esparexemento e o lecer e con vistas privilexiadas ao Xurés, a través dunha mellora urbanística que incida, sobre todo, na continuidade do conxunto.