O Concello de Bande súmase á inciativa que pon en marcha a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Trátase da IX Limpeza simultánea Móllate polos Ríos que se levará a cabo en varios concellos da comunidade o domingo día 2 de outubro.
Os voluntarios e voluntarias procederán a recoller o lixo que se concentra no cauce e na ribeira do Limia. En concreto trátase de limpar o entorno do refuxio de pescadores entre os núcelos de Nigueiroá e O Ribeiro.
O equipo de limpeza deberá dirixirse á parada de autobús de Bande ás 10.30h. Recoméndaselle que leven calzado e roupa resistentes e luvas.
Dende a organización destacan que "o máis importante deste día é a labor de concienciación social que entre todos e todas realizamos. Axudamos a manter un bo estado de conservación nos nosos ecosistemas fluviais e facémoslle ver á cidadanía que as pequenas accións valen moito".