Bande reforzará a seguridade no treito urbano

20210709 Bande2
Bande reforzará a seguridade no treito urbano

As obras serán executadas polo Concello e financiadas a partes iguais pola Administración autonómica e a provincial

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou hoxe o acordo entre a Xunta, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Bande para a mellora da seguridade viaria da travesía do municipio como un exemplo do traballo que fan as administracións que apostan polo rural galego.

A titular de Infraestruturas da Xunta, o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, asinaron hoxe un convenio de colaboración para investir máis de 720.000 euros na mellora da seguridade viaria da estrada OU-540 entre os puntos quilométricos 39+560 e 41+240, que coinciden coa travesía de Bande, de titularidade municipal.

A conselleira salientou que o obxectivo da actuación é adaptar as condicións da estrada á súa funcionalidade real, xa que a pesar do seu uso urbano, a vía conta cunha sección moi ancha e cunha falta de definición de entrada á zona urbana de Bande.

20210709 BandeA intervención dá continuidade á executada no ano 2016, tamén mediante a colaboración da Xunta coa Deputación e o Concello, coa fin de urbanizar un treito da mesma estrada OU-546 no centro urbano de Bande.

Ethel Vázquez puxo en valor a utilidade da cooperación entre administracións para acometer iniciativas de interese para os cidadáns e indicou que, nesta ocasión, o convenio permitirá desenvolver unha actuación “ambiciosa e completa que marcará un antes e un despois para o centro urbano de Bande.

Segundo lembrou, o proxecto recolle as recomendacións formuladas pola Dirección Xeral de Tráfico e que teñen como obxectivo prioritario inducir a redución da velocidade dos vehículos e aumentar así a seguridade dos peóns e de todos os usuarios da vía.

Con esa fin, prevese a reforma das interseccións e a continuidade de itinerarios peonís interrompidos. Para a redución da velocidade actuarase nos estreitamentos de carrís e nos sobreanchos en beirarrúas, ademais da reordenación do aparcamento e a mellora das paradas de autobús. Tamén se mellorará a accesibilidade e disporase de iluminación específica os pasos de peóns e estenderase unha nova capa de rodadura en todo o tramo da actuación.