O Concello de Bande traballa na elaboración dun Plan municipal de Igualdade de Oportunidades

Bande
O Concello de Bande traballa na elaboración dun Plan municipal de Igualdade de Oportunidades
Ata finais do mes de maio está aberta unha enquisa anónima para coñecer a percepción sobre a situación de igualdade no municipio que teñen os seus veciños e veciñas
O Concello de Bande está a traballar na elaboración do I Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, que marcará as políticas públicas neste ámbito durante os próximos anos. A Alcaldesa convida as súas veciñas e veciños a participar na súa elaboración, posto que a implicación da cidadanía é fundamental para poder facer un bo diagnóstico da realidade, e así deseñar medidas, actividades e accións coas que acadar os obxectivos previstos segundo as necesidades detectadas. O documento final sairá polo tanto, das achegas, suxestións e opinións de todas as persoas implicadas, persoal técnico, veciñas e veciños, representantes das asociacións, centros educativos,... para axustarse ao máximo a nosa realidade, axudar a transformación do concello e contribuír á mellora da calidade de vida de todas e todos. Por último a alcaldesa destacou que o plan estará aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e incluirá actuacións para dar cumprimento ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, incidindo na coeducación e nas actividades de sensibilización e prevención, ademais das propias de loita contra as agresións sexuais.