A Deputación colaborará co Concello de Bande no reforzo dos servizos públicos, infraestruturas e termalismo

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Sandra Quintas Vázquez (Alcaldesa de Bande).
A Deputación colaborará co Concello de Bande no reforzo dos servizos públicos, infraestruturas e termalismo

A alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, mantivo esta mañá un encontro de traballo con Manuel Baltar

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo esta mañá un encontro de traballo no Pazo Provincial coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, para abordar novas iniciativas de colaboración entre ambas administracións.

“Unha reunión moi satisfactoria”, segundo valorou o presidente do goberno provincial, que garantiu o respaldo da Deputación a varios proxectos propostos pola rexedora, entre os que se inclúe reforzar a colaboración cos servizos sociais e a reparación e mantemento de estradas.

Ademais, a rexedora definiu como prioritario contar coa colaboración da Deputación na execución da prolongación da senda fluvial do río Badella, nun convenio asinado coa Confederación Hidrográfica Miño - Sil. Manuel Baltar tamén avanzou na reunión celebrada esta mañá a cooperación do goberno provincial na futura ampliación dos espazos termais do municipio.

“Estas iniciativas son fundamentais para Bande, ao permitir avanzar na mellora do servizos públicos e as infraestruturas cos que contan os seus veciños e, en paralelo, reforzar a capacidade turística dun concello en evidente progresión”, remarcou Manuel Baltar. O presidente da Deputación destaca “a magnífica labor cotiá de Sandra Quintas e de todo o equipo municipal, con probada capacidade para dinamizar Bande a través de propostas ben deseñadas e planificadas, e que sempre contarán coa Deputación como o seu mellor aliado de traballo”.