O “Mercado do Xurés”, abre a partir do día 9 de abril en Bande

José Antonio Armada, Manuel Baltar e Chao Quintana
O “Mercado do Xurés”, abre a partir do día 9 de abril en Bande

Será o escaparate dos produtos e servizos que ofrece o Parque Natural

O \“Mercado Xurés\”, no municipio de Bande, abrirá as súas portas o vindeiro domingo, 9 de abril, como un espazo de comercialización de produtos e servizos do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, converténdose nun escaparate dos produtos gastronómicos e actividades de ocio e turismo desta contorna. A presentación do evento tivo lugar esta mañá no Centro Cultural \“Marcos Valcárcel\” da Deputación, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Bande, José Antonio Armada; e a xerente de Rural Consulting, Chao Quintana.

Manuel Baltar destacou o labor que realiza o Concello de Bande con esta iniciativa, \“que é un exemplo de aposta por revitalizar o rural sobre a base duns produtos agroalimentarios, turísticos e culturais para ofrecer a mellor versión da nosa provincia, a cal debemos difundir e promulgar\”.

O mercado situado \“nun lugar emblemático da nosa xeografía vai acompañado de actividades divulgativas, de fomento de cooperativismo e de potenciación dos produtos propios, que converten a Bande nun referente na reivindicación do peso do rural e das singularidades das nosas materias primas\”, sinalou o presidente da Deputación de Ourense.

O alcalde de Bande agradeceu á Deputación de Ourense o seu apoio \“ás iniciativas que propoñemos os concellos da provincia nesa aposta polo rural\”, e dixo que o Mercado do Xurés \“é a porta de entrada ao Parque Natural e á comarca da Baixa Limia, a cal ten moito que ofrecer e a través deste mercado buscamos que teña máis visibilidade\”. José Antonio Armada explicou que esta proposta comercial e promocional \“é o inicio dunha xeira de mercados especializados que se van a celebrar cada primeiro domingo de mes, aínda que a oferta gastronómica do mercado, a oficina de información audiovisual e a tenda de produtos típicos, estará aberta permanentemente\”.

A característica diferenciadora do \“Mercado Xurés\” é a súa oferta \“de produtos típicos da zona senón e de servizos, coa presenza das empresas de deporte de aventura que operan no Parque Natural e da Asociación de Empresarios de Hostalería e de Restauración\”, dixo a xerente de Rural Consulting. A programación deste primeiro mercado especializado está dedicado á familia de aí o seu nome \“Aventura e Deporte para todos\”, con actividades pensadas para que os adultos as poidan realizar cos nenos, explicou Chao Quintana.

O programa de actividades do 9 de abril comeza coa saída da andaina \“Ruta do Monte Grande\”, Lagoa do Yermes e petroglifos do monte Arieiro, ás 10.30 horas. A ruta circular de 7 quilómetros e de dificultade baixa, correrá a cargo de \“Miraxurés\”, turismo de aventura. A inscrición nesta andaina ten un custe de 8 euros que inclúe: guía, seguro, auga e froita. Ás 11.00 horas será a quenda para os máis cativos de entre 8 e 13 anos, a cargo de \“Lirio do Xurés\” turismo de aventura, cunha duración de 40 minutos, e un prezo de inscrición de 2 euros e cunha capacidade para 15 persoas.

A programación continúa ás 12.00 horas cunha visita guiada gratuíta ao campamento romano de Aquis Querquennis, baixo orde de inscrición no mercado, e a actividade correrá a cargo do Concello de Bande. Ás 13.30 horas será a quenda para unha degustación de \“patacas á importancia\”, co patrocinio do Consello Regulador de Pataca de Galicia e a cargo do cociñeiro Martín Álvarez. De novo, ás 16.30 horas, realizarase outra visita guiada gratuíta ao campamento romano de Aquis Querquennis e ás 17.00 horas, continúan as actividades para os máis cativos con \“Aprendendo a xogar na rúa e espazo ludoteca\”. Por último, ás 19.30 horas, rematará a xornada cun show de imitación e humor a cargo de \“Juantxonito\”.