Obradoiros didácticos achegarán a historia do campamento militar de Aquis Querquennis ao alumnado

Presentación dos obradoiros didácticos
Obradoiros didácticos achegarán a historia do campamento militar de Aquis Querquennis ao alumnado

Os alumnos de entre 6 e 16 anos poderán coñecer a historia do campamento militar de Aquis Querquennis e a riqueza patrimonial, natural e cultural da comarca da Baixa Limia a través de obradoiros didácticos. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Bande, José Antonio Armada; e o socio fundador e responsable de Turismo en Xeitura, Manuel Gallego.

O presidente do goberno provincial destacou a importancia de “desenvolver actividades didácticas que acheguen o patrimonio da nosa provincia aos ourensáns do futuro” e felicitou ao Concello de Bande por desenvolver “propostas innovadoras que contribúan á posta en valor deste campamento romano que é un dos tesouros da nosa provincia”.

A Deputación de Ourense colabora con este proxecto de dinamización do Centro de Interpretación de Aquis Querquennis que ofrece obradoiros cunha programación que se adapta aos diferentes ciclos educativos (primaria e secundaria) e que ten como obxectivo “afondar na nosa identidade nun tempo no que este campamento romano, coas escavacións que se están a levar a cabo, é un dos máis importantes dos que se está a traballar en Europa”, explicou o presidente do goberno provincial.

Pola súa parte, o alcalde de Bande, quen agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, dixo que esta iniciativa cultural é “unha aposta polo coñecemento dun patrimonio que non é de Bande, é universal”, e engadiu que “como obriga que temos de dalo a coñecer a todo o mundo, estes obradoiros son unha ferramenta idónea para chegar aos máis novos”.

Manuel Gallego explicou que con estes talleres “dáse un novo paso cara o ámbito da formación didáctica do patrimonio” e salientou que os obradoiros están deseñados para os escolares pero “tamén están abertos á cidadanía con previa reserva”. Asemade, Manuel Gallego destacou “o rigor histórico” desta actividade coa que “achegaremos ao alumnado coñecemento sobre a cultura romana, pero tamén sobre a importancia de preservar, conservar e divulgar o noso patrimonio”.

Hai dous posibles obradoiros: “A min a lexión!” enfocado á figura do lexionario como habitante do campamento; e “Vía Nova Romana”, no que se coñecerá a Vía Nova que da orixe ao campamento coa importancia que ten a mesma para a comarca e tamén construirán a súa propia vía. Ambas actividades están dirixidas a alumnado de primaria de entre 6 e 11 anos, e alumnado de secundaria de 12 a 16 anos. A duración do obradoiro é de 60 minutos, e require de reserva previa. As actividades están enfocadas para que un monitor se encargue de 25 alumnos.

Os obradoiros estarán organizados en dúas partes: un achegamento teórico para introducir aos participantes no contexto temático relacionado coa actividade e unha experiencia práctica que reforza o explicado anteriormente. Os interesados en participar xa poden anotarse a través do Centro de Interpretación, ou a través do correo turismo@xeitura.com.