Presentada a Festa do Peixe de Bande 2022

Sandra Quintas (Alcaldesa de Bande) e Manuel Baltar
Presentada a Festa do Peixe de Bande 2022

Ademais de música e actividades lúdicas, o programa inclúe expositores gastronómicos todos os días, o campionato de pesca e a tradicional degustación do peixe

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, presentaron esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel a LI Festa do Peixe que se celebrará na vila os días 10, 11 e 12 de xuño, co apoio da Deputación. Unha celebración, declarada de Interese Turístico de Galicia, que ten a súa orixe nun campionato de pesca e que hoxe contribúe á promoción da riqueza piscícola dos seus ríos, da gastronomía local, do patrimonio histórico e das súas augas termais.

Manuel Baltar cualificou á Festa do Peixe como “un clásico no calendario das festas gastronómicas de Ourense”, destacando que “volve con todas as forzas porque trala pandemia imos ter un verán inusual, con milleiros de persoas ao redor de celebracións como estas”. O presidente agradeceu á alcaldesa que “manteña estas tradicións, que ademais de promocionar o produto estrela tamén poñen en valor un municipio “que é como a provincia de Ourense a escala, xa que ten todo o potencial do noso territorio representado polo patrimonio cultural, natural e o termalismo”.

Sandra Quintas agradeceu o apoio da Deputación para esta festa que, lembrou, naceu da fama que entre os pescadores tiñan “os nosos magníficos e prezados ríos”. Con “moita ilusión, ganas e forza por retomar esta cita”, a alcaldesa de Bande invitou aos ourensáns “a gozar de tres días de festa nun concello no que poden coñecer a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, o campamento romano de Aquis Querquennis e as termas deste enclave”.

200 kilos de peixe

A Festa do Peixe, cun marcado carácter tradicional, comezará o venres 10 de xuño ás 20.00 horas coa inauguración oficial, que inclúe actuacións musicais e unha degustación gastronómica na Praza da Constitución. A xornada pecharase á medianoite cun espectáculo de música. O sábado, día 11, o programa comeza pola mañá con pasarrúas e exhibicións de patinaxe, seguindo pola tarde cun espectáculo infantil e a entrega de premios e trofeos de diversos concursos e campionatos. A música, xunto coas degustacións, protagonizan o resto da xornada.

O domingo concentra dúas das actividades estrela da festa. En primeiro lugar o campionato de pesca, que conta coa colaboración da federación galega. O presidente do Club O Peixe, Rafael Serrano, presente tamén no acto, explicou que a competición celebrarase entre as 08.00 e as 13.00 horas no coto de Ponte Liñares, no río Limia, coa participación de preto de 40 pescadores e con premios para todas as categorías: masculina, feminina e infantil. Xa pola tarde, a partir das 19.00 horas e na praza da Constitución está prevista a degustación de máis de 200 quilos de peixe, ademais doutros produtos locais como empanadas e pan artesán