O PSdeG de Bande reclama unha partida para emerxencias sociais nos orzamentos

bande
O PSdeG de Bande reclama unha partida para emerxencias sociais nos orzamentos

O voceiro socialista, Constantino Rivera, xustifica esta moción no feito de que a crise económica "provoca" desemprego, perda de salarios e benestar.

O grupo municipal socialista de Bande vai presentar unha moción, para debater en sesión plenaria, na que reclama que o consistorio da Baixa Limia dispoña nos seus orzamentos de 2017 dunha partida para facer fronte a posibles emerxencias sociais. O voceiro socialista, Constantino Rivera, xustifica esta moción no feito de que a crise económica "provoca" desemprego, perda de salarios, benestar e outros recursos "cuxos alicerces son fundamentais para a dignidade humana".

Engade tamén Rivera que as familias máis necesitadas non poden facer fronte a gastos complementarios dos seus fillos e as dependencias dos servizos sociais están desbordadas. Segundo el "as situacións de emerxencias son cada vez maiores", como a compra de lentes, vacinas, roupa, dentista, alimentos de primeira necesidade ou o desamparo que padecen no caso de que poidan sufrir un incendio na súa vivenda.