125.000 € para reformar a Praza da Constitución, o entorno da biblioteca e a zona do mercado de Bande

Fotografía por xoán crespo.
125.000 € para reformar a Praza da Constitución, o entorno da biblioteca e a zona do mercado de Bande
A actuación enmárcase no plan Hurbe, que este ano conta cun orzamento reservado de 7 M€

A Xunta de Galicia e o Concello de Bande colaborarán na execución dunha actuación urbanística para mellorar o entorno da biblioteca e reformar a Praza da Constitución de Bande, cun investimento total previsto de máis de 125.000 euros a executar en dúas anualidades (2022-2023).

Este foi o compromiso asumido esta semana pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Sandra Quintas, a través da sinatura dun convenio no que fixaron os termos da súa colaboración técnica e económica.

O acordo ten como fin acometer a reforma da praza da Constitución, da zona do mercado e da biblioteca do concello, actuacións que serán cofinanciadas por ambas administracións, cunha achega da Xunta do 70% e do 30% por parte do Goberno local.

Os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, permitirán recuperar este espazo público, concibido para o esparexemento e o lecer e con vistas privilexiadas ao Xurés, a través dunha mellora urbanística que incida, sobre todo, na continuidade do conxunto.

Para iso, o proxecto centrarase en resolver a accesibilidade dos distintos niveis existentes, lonxitudinal e transversalmente. As obras incluirán o derrubamento e levantado do terrazo e dos chanzos de unión, obras de saneamento e drenaxe, renovación do pavimento con terrazo sobre soleira de formigón, lastro nas zonas de pendente que envolven a biblioteca, lousa na fonte e cantaría en chanzos e bordos.

Tamén se mellorará o mobiliario, coa colocación de bancos de madeira e de formigón nos ámbitos da biblioteca e da nova balconada, resultado da valorización do muro de cantería para que sirva de transición entre os distintos niveis e potencie as vistas.

Tal e como sinalou a alcaldesa, con esta actuación búscase elevar o actual nivel de servizos e espazos de uso común á disposición da veciñanza, co fin de promover o seu benestar e incrementar o atractivo e a humanización desta zona do concello.

Na mesma liña, Ángeles Vázquez enmarcou a participación da Xunta no proxecto no seu compromiso á hora de brindar apoio económico ás entidades locais para promover actuacións que, como esta, contribúen a dinamizar as vilas galegas e mellorar a calidade de vida dos cidadáns reforzando os equipamentos públicos.

Os traballos de reforma e acondicionamento en Bande levaranse a cabo ao abeiro do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis de 10 anos co obxectivo de brindar o seu apoio ás entidades locais na execución deste tipo de proxectos e que este ano conta cun orzamento reservado de 7 millóns de euros.