A Xunta de Galicia investiu 40.000 € na rehabilitación dun refuxio de pescadores ao carón do río Limia co fin de poñer en valor esta conca fluvial e fomentar as actividades deportivas e turísticas no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, achegouse esta semana a ver o resultado da actuación, localizada en Ponte Soutelo, no termo municipal de Bande, e fíxoo acompañada da alcaldesa, Sandra Quintas.

A obra executada consistiu na mellora do estado e recuperación da caseta que, ademais de ser empregada como refuxio por parte dos afeccionados á pesca fluvial, tamén supón un punto de referencia turística na ruta que discorre de xeito paralelo ao río Limia.
A mellora baseouse no acondicionamento da contorna e na reforma dos cerramentos, pavimentos e da estrutura de madeira, así como da cuberta e das carpintarías exteriores. Grazas aos traballos levados a cabo recuperouse unha edificación cunha estética característica, pois está realizada integramente por cantos rodados.
A directora xeral subliñou que os beneficios que se acadan coa actuación son importantes, sobre todo para impulsar e potenciar o turismo e as actividades de ocio vinculadas á natureza e aos recursos naturais.
Por último, recordou que esta acción forma parte dos proxectos recollidos na iniciativa Interreg España-Portugal Fronteira Esquecida Limia-Lima, co que se pretenden potenciar os cursos naturais e culturais do río Limia e a súa contorna, así como crear e desenvolver unha estrutura de xestión e promoción conxunta a ambos os dous lados da fronteira que realce o aproveitamento turístico da zona.