Supervisan as obras de reforma da praza de Bande

Visita Praza Bande
Supervisan as obras de reforma da praza de Bande

O Delegado Territorial da Xunta en Ourense supervisa as obras de reforma da praza da constitución, a zona do mercado e a contorna da biblioteca municipal de Bande

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, as obras de melloras urbanísticas na praza da Constitución, na zona do mercado e na contorna da biblioteca municipal, nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello invisten preto de 91.000 euros.

O delegado territorial explicou que os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, permitirán recuperar este espazo público, concibido para o esparexemento e o lecer e con vistas privilexiadas ao Xurés, a través dunha mellora urbanística que incida, sobre todo, na continuidade do conxunto.

300323 Visita Praza Bande 3
Visita Praza Bande

Para iso, -sinalou Gabriel Alén-, o proxecto céntrase en resolver a accesibilidade dos distintos niveis existentes, lonxitudinal e transversalmente. As obras inclúen o derrubamento e levantado do terrazo e dos chanzos de unión, obras de saneamento e drenaxe, renovación do pavimento con terrazo sobre soleira de formigón, lastro nas zonas de pendente que envolven a biblioteca, lousa na fonte e cantaría en chanzos e bordos.

Tamén se mellorará o mobiliario, coa colocación de bancos de madeira e de formigón nos ámbitos da biblioteca e da nova balconada, resultado da valorización do muro de cantería para que sirva de transición entre os distintos niveis e potencie as vistas.