Xornada gastronómica para enxalzar ao "pedro", embutido propio de Bande

foto don pedro
Xornada gastronómica para enxalzar ao "pedro", embutido propio de Bande

O "pedro" é un embutido tradicional que se alabora nalgunhas aldeas do Concello de Bande.

O "pedro" é a denominación que se lle dá a un tipo de embutido que se elabora coa parte cega do intestino groso do porco e énchese cun "amoado" similar ao dos "chourizos de cabazo" que se embuten na tripa gorda do porco. En moitas parroquias de Bande recibe o nome de "Pedro" ou tamén "Pedro Botelo" e algunhas familias táchano de "don Pedro".

Nas distintas parroquias da Baixa Limia adóitase comer nos días de entroido.

Aínda que se parecen, ben se diferencia da peza que se denomina "botelo" nalgunhas partes de Galicia que se embute no estómago do porco ou no bandullo nalgunhas zonas do sur da provincia de Ourense. O lexicólogo Marcial Valladares Núñez (1884) describe este embutido como "henchido en tripa de porco grosa e grande, aínda que non tanto como o bandullo". Este embutido, recibe noutras partes de Galicia, diferentes apelidos segundo recolleron diferentes lexicólogos.

Nas distintas parroquias da Baixa Limia adóitase comer nos días de entroido –en concreto o domingo– aínda que en Entrimo aproveitan unha festividade local próxima a estas datas para facerlle homenaxe. Sexa como for, a envergadura da peza obriga a reservala para un conclave en mesa de varios comensais xustificado iso como día de festa ou celebración. O Concello de Bande, por segundo ano consecutivo, o 11 de febreiro, vai facer festa a este recurso gastronómico, elemento das nosas tradicionais matanzas.