A Xunta apoia a Bande como destino termal de referencia en Galicia

A Xunta apoia a Bande como destino termal de referencia en Galicia
O termalismo é un dos motores turísticos da Comunidade, polo que o Goberno galego vén de conceder axudas para acondicionar sete espazos termais

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, con motivo da recente confirmación de que as augas procedentes da captación O Baño contan con propiedades mineromedicinais e termais: “Bande formará parte non só do patrimonio cultural senón tamén termal de Galicia. Esta confirmación supón un pulo para a vertebración económica e social do Concello”, destacou.

O proceso para determinar este recoñecemento iniciouse en 2019 e foi o mes pasado cando se constataron as propiedades destas augas, polo que o seguinte paso será definir os usos que o Concello dará a este espazo.

Neste sentido, Conde trasladou todo o apoio da Xunta para que Bande se sume á lista de destinos termais galegos.

O termalismo é un dos motores turísticos de Galicia e, sobre todo, da provincia de Ourense. Así a Comunidade conta con 21 balnearios, 11 espazos termais e tres centros de talasoterapia, cun total de 3000 prazas hoteleiras. O sector xera un volume de negocio de 60M€ e preto de 1.500 empregos directos

Desde a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación apóiase o sector a través da Lei de aproveitamento lúdico das augas termais, aprobada hai un par de anos para potenciar un crecemento ordenado e seguro do sector, e cunha liña de axudas para o acondicionamento deste tipo de espazos da que se están beneficiando sete espazos localizados en catro concellos galegos.