A Deputación colaborará co Concello dos Blancos en infraestruturas, servizos sociais e cultura

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con José Manuel Castro Blanco (Alcalde do Concello dos Blancos).
A Deputación colaborará co Concello dos Blancos en infraestruturas, servizos sociais e cultura

Manuel Baltar recolleu as propostas presentadas polo alcalde, José Manuel Castro, entre as que se atopan a segunda fase da piscina municipal, a posibilidade de construír unha residencia para maiores ou unha axuda para que a banda de gaitas retome a súa actividade logo da pandemia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, co que estudou a ampliación das liñas de colaboración abertas entre ambas administracións para executar novos proxectos relacionados cos ámbitos das infraestruturas, os servizos sociais e de lecer, e a cultura.

Manuel Baltar recolleu as propostas presentadas polo alcalde entre as que se atopan a segunda fase da piscina municipal -proxecto que se iniciou grazas tamén á colaboración da Deputación-, que permitiría o seu remate e apertura no verán de 2023. José Manuel Castro tamén formulou como prioridade os asfaltado da pista que comunica Os Blancos co concello de Baltar, así como a posibilidade de contar co apoio da administración provincial no caso de que se concrete o proxecto de construción dunha residencia para maiores.

O alcalde detallou dúas iniciativas máis, esta vez relacionadas coa cultura. A primeira delas é unha solicitude de axuda para que a banda de gaitas do concello retome a súa actividade logo da pandemia. A creación dun museo etnográfico centra a segunda das peticións, que se traduciría nunha achega para adquirir un inmoble e a súa posterior rehabilitación.

José Manuel Castro agradeceu a receptividade do presidente da Deputación ás súas propostas, “que formulamos co tempo necesario para que, de ser aprobadas, poidan ser incluídas nos orzamentos de 2023, seguindo así a liña de anticipación e planificación do goberno provincial”.