Expulsan ao grupo MATRIOSKA do local que lle cedera o concello de Os Blancos

20210823_200107
Expulsan ao grupo MATRIOSKA do local que lle cedera o concello de Os Blancos
Sete anos despois da súa chegada

A voceira do PSdeG-PSOE, Emilia López, defende o traballo do colectivo do que afirma "puxo no mapa un concello que só era coñecido pola gran débeda municipal e a corrupción"

O PSdeG-PSOE de Os Blancos denuncia o "culturicidio" levado a cabo polo rexedor do Partido Popular, José Manuel Castro, e o seu equipo de goberno tralo pleno extraordinario celebrado na tarde de onte e no que aprobaron a expulsión do colectivo artístico Espazo Matrioska do local municipal que viñan empregando dende o ano 2014. Para os socialistas esta decisión é un "golpe mortal" a vida cultural do municipio e supón un "serio revés" na dinamización da mocidade e da veciñanza, implicada dende o primeiro día con este colectivo e que participaba activamente nas súas numerosas actividades.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican que o goberno municipal do PP "non aposte de xeito decidido pola cultura e por apoiar a un colectivo que puxo no mapa mundial ao noso Concello, gracias a súa labor cultural e a actividades como o Festival Reina Loba, que atraía visitantes de diferentes partes do mundo". Aféanlle o rexedor e o seu equipo de goberno a súa "falla de miras" e que se tomen decisións "pola porta de atrás, sen ter en conta a opinión da veciñanza".

A voceira do PSdeG-PSOE en Os Blancos, Emilia López, aproveitou o pleno para defender o traballo do Espazo Matrioska do que afirmou "puxo a un concello só coñecido pola gran débeda municipal e a corrupción no mapa mundial". A concelleira socialista aproveitou tamén para denunciar que con esta decisión de non renovar a concesión do local onde este colectivo estaba a traballar, o Partido Popular e o alcalde "están expulsando do noso concello a un colectivo mozo que dinamizou a vida cultural no municipio e que se involucrou cos Blancos ata o punto de chegar a fixar a súa residencia, atraendo ademais máis poboación, algo que o alcalde parece que quere tirar por terra".

Matrioska1

A voceira socialista aproveitou as súas intervencións para lembrarlle o alcalde e o seu grupo que "calquera concello estaría desexando asentar mozos e mozas con este dinamismo e traballo" e criticou que "non se busquen solucións alternativas para que o Espazo Matrioska poida dispoñer doutro local no que poder desenvolver o seu traballos e as súas actividades".

Para os socialistas de Os Blancos esta decisión do rexedor ten un "cariz político e clientelista, na liña na que nos teñen acostumados", posto que segundo denuncian todo ben motivado pola concesión dunha subvención ao colectivo por parte da Deputación provincial e ante a negativa dos mesmos a "facerse unha foto propagandística cos responsables da subvención". Algo que o rexedor afeoulles publicamente os representantes do Espazo Matrioska presentes na tarde de onte no salón de plenos.