O programa ‘Coidando a miña boca’ iniciouse hoxe no CEIP dos Blancos

516
O programa ‘Coidando a miña boca’ iniciouse hoxe no CEIP dos Blancos

Sanidade promove a saúde bucodental cunha actividade nos colexios da provincia de Ourense

O CEIP da localidade ourensá dos Blancos acolleu esta mañá o inicio do programa Coidando a miña boca que forma parte das actividades de promoción da saúde que promove en Ourense a Consellería de Sanidade e que se oferta aos centros escolares para fomentar os hábitos de hixiene bucodental entre os escolares.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, María Villar, e da xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández, acudiu a esta actividade e animou aos escolares que participaron nela a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á saúde bucodental, como o cepillado dental correcto ou o consumo dunha dieta que evite a carie.

A actividade está dirixida ao alumnado dos ciclos educativos de Infantil e Primaria e divídese en tres grupos, adaptando o seu contido segundo as distintas idades. Estrutúrase en 3 partes: unha charla teórica que exporá as funcións dos dentes e da boca boca, enfermidades máis frecuentes e as medidas preventivas, entre outras nocións; a proxección dun vídeo coa finalidade de sensibilizar aos participantes da importancia da alimentación e da hixiene na saúde bucodental; e, para rematar, un xogo dental que axude a fixar a información recibida.

515

En Galicia, segundo o último informe de Sanidade a saúde bucodental dos escolares evoluciona favorablemente. A prevalencia de carie continúa descendendo no grupo de 12 anos e o valor actual, do 40%, está situado por debaixo do atopado no conxunto de España, que ronda o 47%. Malia todo, a hixiene oral nas idades temperás aínda ten moito que mellorar.

Asimade, a última enquisa de saúde oral en España realizada en 2015 conclúe que é necesario \“potenciar os programas de atención dental á poboación infantil e xuvenil cun enfoque preventivo e asistencial\” para así crear unha nova cultura de cuidado bucodental nos escolares.

Complementariamente á atención e prevención realizada por odontólogos e hixienistas de Atención Primaria, a Xefatura territorial de Sanidade promove dende hai varios cursos este programa formativo no que este ano participarán preto de 4.170 escolares de 43 colexios da provincia. Esta actividade enmárcase nas accións didácticas orientadas á promoción da saúde que Sanidade desenvolve nos centros escolares da provincia a través, fundamentalmente, de catro programas: \“Coidando a miña boca\”, \“Clases sen fume\”, \“Condutas Aditivas\” e \“Traballando por unha mocidade saudable\”.