Ata pronto

400

Carta dos veciños de Guntimil a Xosé Carlos (o seu parroco )

Marchas do mesmo xeito que chegaches ás nosas vidas, ao noso día a día; sen facer ruído, sen pretender a atención de ninguén, intentando ser un máis de nós...

Chegamos ao lugar onde nos reunimos coma cada domingo con ledicia por escoitar a alguén que nos mostraba aos máis novos e aos maiores que o verdadeiramente importante non son as crenzas que cada un poidamos ter, senón que con elas ou na súa ausencia atopemos o camiño que nos faga felices.

Alí aprendemos que o dar a paz ao veciño é moito máis que un xesto que forme parte dun ritual dominical. Ensináchesnos a ler entre liñas verbas que foron escritas co fin de chegar a uns poucos pola súa complexidade, acercándonos coas túas propias palabras unha mensaxe que puidésemos entender e coa que sentirnos identificados.

Coñeciamos a noticia días atrás, pero os sentimentos afloran de forma natural e pouco premeditada cando son sinceros e verdadeiros, e iso foi o que nos sucedeu á maioría despois de escoitar a túa despedida; agarimosa, amable, agradecida sobre todo...

Vaste co cariño e aprecio que te mereces por parte de todos e cada un de nós. Procuraches a unión sen imposición. Fixeches sinxelo todo aquilo que estivo na túa man. Acompañáchesnos en momentos bonitos e máis tristes, e sobre todo estiveches disposto a escoitar, a acudir ás nosas casas a tomar un café e ofrecer e recibir compañía...

Gracias Xosé Carlos. Gracias e ata pronto...

Os veciños de Guntimil