130 anos en dous aniversarios

muroberlin
130 anos en dous aniversarios

Alá polo mes de agosto do ano 2006 visitei a fermosa cidade de Praga, da que gardo gratas lembranzas e estupendas fotografías. Por suposto, non deixei de visitar a casa onde muroberlinviviu o escritor Franz Kafka. Rematada a estadía na cidade, dirixinme a Berlín facendo o traxecto en tren, cousa que me levou algo menos de cinco horas. Parte dese tempo, investino en contemplar as fermosas paisaxes que se me ofrecían ao través das fiestras do vagón.
Xa na cidade alemá, unha das primeiras cousas que fun ver, foron os restos do famoso muro que a dividía en dous anacos. A cidade encantoume, mais en todos os días que botei nela, aquela construción irracional non deixou de aparecer no meu pensamento. Por iso, cando veñen de se cumprir os trinta anos do seu derrubamento, non fun quen de resistir a tentación de mergullarme no meu álbum fotográfico, na procura das imaxes que naquela viaxe tirei do muro. Rescatei esta que acompaña a este artigo, na que o formigón picado deixa á vista o armado de ferro, que, nunha metáfora da realidade, amosa regueiros da ferruxe na memoria do sangue derramado daqueles que ousaron ou tentaron saltalo.
Non sei que estraña asociación de ideas me levou a acordar doutro aniversario, este xa máis fermoso: o centenario do equipo da nosa vila, o Antela. Desta efeméride fala, moito e ben, o meu prezado amigo Miro Cerredelo no seu blog de Historia de Xinzo. Porén, na miña memoria gardo a lembranza da época do remate do campo da Moreira (que fun ver co meu tío, o Toniño Moca), as carreiras das competicións de atletismo naquela pista de cinsa (que sempre gañaba o Toño Belucho). Tamén cando o meu tío Sindo Manatas xogaba de porteiro no equipo; e mesmo do meu compañeiro de clase e amigo Toñito Maestro, tristemente finado hai catro anos, e que xa apuntaba maneiras de rapaz, pois xa daquela sabía moito máis de fútbol que calquera de nós.

O tempo pasa. Con todo, ese paso vai deixando dentro de nós todas aquelas cousas vividas que, por unha razón ou por outra, fóronnos gratas e fixéronnos felices, talvez máis do que no seu día pensamos.

Rafael Laso Lorenzo