18 de Xullo de 1936. O golpe de estado militar en Xinzo

Franco e outros militares golpistas
18 de Xullo de 1936. O golpe de estado militar en Xinzo
EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO A situación política, e a convivencia, íanse deteriorando ao longo do ano 1936 e, a conspiración para acabar...
EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO

A situación política, e a convivencia, íanse deteriorando ao longo do ano 1936 e, a conspiración para acabar coa República seguía en marcha. Durante o mes de Xuño, a preocupación do Goberno era máxima, cons instrucións aos gobernadores e alcaldes; o día 12 recíbese telegrama no concello de Xinzo: “Por telégrafo y medio más rápido urgente comunique a este Gobierno toda clase conflictos, huelgas u actos que afecten orden público, calamidades, incendios y atentados. Igualmente intereso Alcaldías designe personal que custodien y amparen templos o Iglesias declaradas monumentos nacionales, impidiendo incendios o destrucción estos edificios”. Telegramas que son reproducidos en oficios remitidos polo alcalde de Xinzo, Hixinio Rodríguez Mármol, a tódolos concellos da Limia.  

As autoridades, sabedoras da conspiración fascista, ordenan o rexistro de sedes e a detención de falanxistas en toda a provincia; o 13 de xullo recíbese no cuartel da garda civil de Xinzo un telegrama do gobernador civil, Gonzalo M. March, ordenando a detención de Xosé Prieto, xefe da falanxe local:“Proceda urgentemente a practicar registro domicilio farmacia Prieto esa villa, procurando que el mismo se efectúe no solo armas, sino también papeles y documentos actividades políticas procediendo detención citado sujeto e ingreso prisión partido a mi disposición, dándome cuenta resultado registro”. Sería liberado, polos sublevados da prisión do partido, o día 19 dous días despois do inicio do golpe de estado militar en Melilla.

Ante os rumores dunha posible rebelión militar durante os días 16, 17 e 18 de xullo, o gobernador civil Gonzalo M. March -acompañado do seu secretario e o comandante de carabineiros de Ourense, Federico Ayala-, visitan diversas localidades da provincia, coa intención de preparar unha posible marcha de afíns á República sobre Ourense capital, caso de que se levantase a guarnición militar.

 “O que tiña que ser soamente un golpe militar comezou ás cinco da tarde do 17 de Xullo de 1936 en Melilla da man dos tenentes coroneis: Segui, Gazapo e Bertomeu, en Ceuta por Yagüe e en Tetuán por Sáez de Buruaga e Ascanio. A proclama radiada o día 18 dicía:¡Españoles!: A cuantos sentís el Santo Amor a España, a los que en las filas del Ejército y Armada habéis hecho profesión de fe en el servicio de la Patria, a los que jurasteis defenderla de sus enemigos hasta perder la vida, la nación os llama en su defensa”. Proclama que ía asinada polo xeneral Franco; este falido golpe de estado militar deu paso a un enfrontamento fratricida de tres anos.

                Ante a evolución do golpe, o tenente de carabineiros de Xinzo, Aquilino López deu ordes para que se concentrase en Xinzo toda a sección da Limia baixo o seu mando. A carón destes acontecementosvarios militantes da Fronte Popular de Xinzo, entre eles os socialistas, Elixio Dacal Seguín e Martín Gómez Ogea, viaxan a Ourense para recibir instrucións na “Casa del Pueblo” e conseguir armas para poder facer fronte á rebelión militar, algo que non conseguiron. Feito o pronunciamento militar en Marrocos, os dirixentes falanxistas locais que estaban presos no cárcere de Xinzo, entre os que se atopaba o xefe local, “se encontraba  detenido como falangista en la Cárcel de Ginzo de Limia, cuya detención fue ordenada por el Frente Popular, siendo puesto en libertad al día siguiente de iniciarse el Glorioso Movimiento Nacional, constando también (…) que el declarante tomó parte como Jefe de Falange de todas las columnas que se organizaron en los partidos de Ginzo y Verín, con gran ardor patriótico para limpiar de elementos rojos los citados partidos”. Os falanxistas de Xinzo entraron en acción antes da declaración do “Estado de Guerra” en Ourense.

A impaciencia da dereita e os falanxistas por tomar o control da comarca queda patente cando o xefe local da Falanxe tivo unha forte discusión co tenente de carabineiros, Aquilino López; Prieto pretendía que os carabineiros e a garda civil saíran inmediatamente á rúa cando inda non fora feita en Ourense a “Declaración de estado de Guerra”, o tenente inda debía dubidar entre a súa lealdade á República e á realidade do triunfo da rebelión na provincia. Esta actitude dubitativa orixina que o día 19 sobre as once da noite, despois dunha longa reunión, Prieto ao fronte duns quince falanxistas coa participación entre eles do xefe provincial de Falanxe, Antonio R. Montero, Nicolás Barxa -mestre de Escornabois-, Xosé Freitas Núñez -mestre de Solveira-, Rudesindo Dacal Seguín, Antonio González Garrido e Luís Arturo Rodríguez -secretario da local-, e os paisanos, Aniceto Fernández, Arturo Rodríguez Rivero e Manuel Romero Romero, recorren o pobo en compañía doutros falanxistas e membros de RE, JAP e Ceda, facendo varios disparos ó aire con escopetas e pistolas; dando berros que se referían ao tenente de carabineiros, tales como “mueran los traidores”, “abajo los cobardes”, “que baje ese cabrón”(…) tratando de intimidalo e forzalo para que saíra coas forzas baixo o seu mando a tomar as rúas e o concello.

Feita en Ourense o día 20 a declaración de estado de guerra, seguidamente falanxistas e requetés, xunto con “elementos de orde” non encadrados en ningunha organización, concentráronse no concello de Xinzo -sede da comandancia militar-, para poñerse á disposición dos golpistas; todos eles foron armados nestes primeiros días e organizadas as milicias dispostas a controlar a comarca; por unha banda, a milicia oficial composta de carabineiros, garda civil e soldados do rexemento procedentes de Ourense, e, por outra, milicianos falanxistas, das JAP e tradicionalistas que, na maior parte das veces, actuaban conxuntamente. As primeiras decisións foron establecer controis de milicianos e gardas nas estradas e facer descubertas polos pobos e concellos da comarca.  Na organización das milicias tamén participaron algúns curas de distintas parroquias.

O número de militantes da falanxe incrementouse de forma espectacular, quedando posteriormente baixo o control da autoridade militar. Pode dicirse que da noite para a mañá todos se converteron en falanxistas adictos ó novo réxime, nutríndose principalmente dos elementos da dereita e a burguesía local, militantes ou simpatizantes dos partidos hexemónicos en Xinzo e a Limia. Nos primeiros días do golpe militar a falanxe de Xinzo; tiñan polo menos dúas escuadras, chegando a concentrarse, nos primeiros días do alzamento, uns 50 milicianos. Ao principio pagábanlle os gastos do día nas fondas do pobo, onde comían e despois, dado o gasto que supuña o salario dos mesmos (cobraban cinco pesetas diarias os dos pobos, e tres pesetas os de Xinzo), o comandante militar trata de desmobilizalos. Estes gastos, que se financiaban detraendo diñeiro da recadación de Acción Ciudadana para o exército, orixinan que o tenente de carabineiros e comandante militar, teña unha forte discusión co xefe local da Falanxe, ordenándolle que foran licenciados e enviados ás súas casas -por ter a forza pública xente suficiente para controlar a situación-, xa que se concentraran en Xinzo tódalas forzas de gardas civís e carabineiros da comarca, negándose Prieto a tal pretensión e ameazando que“no solamente no los licenciaba, sino que si lo creía conveniente traería más”; cando Aquilino lle pregunta para que os quere este contesta “para sublevarlos si hace falta”. Prieto ao mando dos milicianos falanxistas, que debían ser iguais ou superiores en número que carabineiros e garda civil, pretendía ter o mando e o control dos sublevados; trata así mesmo de consolidar a súa propia estrutura de dominación fronte ao comandante militar. O indeciso carácter deste foi a causa de que a iniciativa da sublevación, e dos resortes de poder, pasaran polas mans do xefe local da Falanxe durante os primeiros momentos do golpe militar.

O Concello de Xinzo estaba tomado polos sublevados e convertido en cuartel xeral baixo o mando do comandante militar[i], sede da Falanxe e cárcere provisional. Dende este lugar foron coordinadas todas as operacións de toma dos concellos da zona e as numerosas “descubertas” na procura de “fuxidos” e “roxos”, así como a detención de tódalas persoas que dalgunha maneira tiveron cargos en sociedades agrarias, sindicatos obreiros, alcaldes e concelleiros municipais, incluídas as súas familias e amigos -en moitos casos-. Os detidos eran levados e interrogados no concello de Xinzo; despois ingresaban no cárcere, na rúa de Lepanto, posteriormente uns ían detidos ó cárcere de Ourense e outros á Celanova. (extractado do publicado no meu libro: “Historia e Memoria. A LIMIA: 1931-1953”).

[i]O tenente de carabineiros, Aquilino López foi o home elixido polas novas autoridades e nomeado Alcalde, Delegado Militar e Delegado de Orde Público local. Tomou posesión oficialmente dos cargos o día 27 de xullo de 1936. Segundo quedou reflexado no Libro de Actas do concello.