(2ª incursión). Exiliados monárquicos portugueses na Limia 1911-1912

DSCN1932(1) (1)
(2ª incursión). Exiliados monárquicos portugueses na Limia 1911-1912
EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO No mes de abril de 1912, prodúcese en Xinzo un incidente que relata El Eco Antelano: “En días...

EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO

No mes de abril de 1912, prodúcese en Xinzo un incidente que relata El Eco Antelano: “En días pasados chegaron uns portugueses á nosa vila para visitaren Xinzo e Ourense. Chegados á fonda de Santos Gallego, os que ata estas datas eran considerados como decentes emigrados portugueses, insultaron os compatriotas recén chegados e botáronos fóra. Non conforme con isto, perseguíronos polas rúas. Á volta da visita a Ourense, ao parar en Xinzo, volveron a reproducirse os incidentes, polo que os veciños que os presenciaron, en comunicado dirixido ao alcalde, solicitaron “que esta canallada sea expulsada de esta villa, pues imponer, que se vayan a imponer a sus casas […] que el pueblo está cansado de tanto golfo”.

En maio de 1912, El Eco Antelano informa de incidentes entre Pepe Santiago, Ramón Rodríguez “Bubelo” e o fillo dun barbeiro cos portugueses: todos eles durmiron no cárcere. Sucesos similares aconteceron en Bande e Verín. Obedeceu a un plan que o cónsul da república portuguesa en Verín prometera, de que en quince días non había quedar un só portugués monárquico por estas terras. En Verín é apuñalado o cónsul portugués. Había orde de expulsar os conspiradores Paiva e Camacho do noso territorio e El Eco Antelano publica: “La señora de Camacho en Abavides habita,/ y la señora de Paiva/ en el Telleiro.-Señores,/nada difícil parece/averiguar las moradas/do se le presta acogida/a los dos conspiradores”. En Galicia, tiveran serias dificultades para se organizar. As autoridades non os deixaban reunir na mesma cidade, nin os autorizaban a realizar exercicios militares conxuntos e facíanlles grandes requisas de armas. Ao mesmo tempo, eran espiados polos republicanos españois.

“Os socorros ou gastos que terían que pagarse aos emigrados portugueses, só por hospedaxe, ascendían a 80.000 pesetas en Verín e 40.000 en Xinzo. O día 8 de xullo, un telegrama, enviado dende Xinzo, informa que polo de agora non hai confirmación da entrada de 800 portugueses no país veciño. Posteriormente o alcalde de Xinzo informa que se dirixen á fronteira, segundo os labregos, uns catrocentos portugueses. Nun intre dado desapareceran das vilas todos os portugueses emigrados. Noticias oficiais indican que cincocentos homes armados e equipados avanzan sobre a fronteira en dirección a Montalegre. Os conspiradores interceptan o telégrafo entre Xinzo e Ourense. O alcalde de Baltar informa que na tarde de onte atravesou aquel concello unha columna de 700 homes armados, levando artillería”.(R.Laso. Lethes nº 11).

Nesta 2ª incursión, levada a cabo o día 8 de xullo de 1912, organizáronse  en tres columnas mandadas polo tenente de mariña Vítor Sepulveda e os capitáns Paiva Couceiro e Mário de Sousa Dias. Esta incursión monárquica xunta cerca de 1.000 homes, ben armados e con artillaría. No inicio das hostilidades, o goberno español apoiou a Paiva Couceiro, máis, premido, deu orden de expulsión dos monárquicos.

A columna de  Paiva Couceiro que entrara por Sendin diríxese a Montalegre, unha terra sen grande valor estratéxico, pero mudan de idea e tratan de tomar Chaves, que estaba desprotexida, pois a guarnición local partira en dirección a Montalegre. En  Padornelos  unhas poucas persoas saíron a recibilos e ofrecerlles a súa lealdade ao rei e á igrexa católica.  En Vilar de Perdices  foi o pobo, onde o sacerdote se axeonllou para bicar os pés de  Paiva Couceiro.

A cidade de Chaves é atacada, no entanto a guarnición ofrece unha forte resistencia. Ao mesmo tempo a columna de Sousa Dias atravesa a fronteira por Feces, Vila Verde da Raia e Outeiro Seco, dirixíndose cara a Chaves. Os realistas tiñan información de que contaban con apoio suficiente en Chaves. Os republicanos conseguen aguantar as súas posicións, até ao momento do regreso da guarnición que fora perseguir os monárquicos a Montalegre. Á chegada, prodúcese desordenadamente unha gran desbandada dos monárquicos. Son obrigados a baterse en retirada, deixando no terreo bastantes mortos, feridos e prisioneiros, entre os que está o lugartenente “miguelista” Joao de Almeida. Moitos parten en dirección a España por Outeiro Seco, cos republicanos portugueses pisándolle os talóns. Non volveron a intentalo até o ano 1919, en que dominaron parte do norte de Portugal escasamente un mes, pero iso xa é outra historia.