(2ª Parte) A Limia e o ferrocarril que nunca chegou

IMG_20131031_0001
(2ª Parte) A Limia e o ferrocarril que nunca chegou
EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO Despois do meu artigo “A Limia, o ferrocarril que nunca chegou”, o meu amigo Javier Torres de Ourense,...

EDELMIRO MARTÍNEZ CERREDELO

Despois do meu artigo “A Limia, o ferrocarril que nunca chegou”, o meu amigo Javier Torres de Ourense, facilítame interesante documentación sobre os proxectos de ferrocarril mencionados. Entre eles, un artigo de José Arenas García publicado en 1897, na revista “Obras Públicas”, no que manifesta sobre o ferrocarril de Ourense-Xinzo-Verín a Chaves:“Tivemos a ocasión de examinar os traballos de campo e os proxectos que realizou e desenvolveu o axudante de obras públicas D. Juan Ortoneda e Pedret. Os datos, tomados sobre o terreo, áchanse consignados en catorce cadernos taquimétricos calculadas coa exactitude que se esixe nesta clase de proxectos.

O trazado desenvólvese polas concas dos ríos Miño, Limia e Douro (en realidade o Támega), coa condición a priori de pasar por  Xinzo de Limia e Verín  e entidades de poboación Limia e Laza importantes como Xunqueira de Ambía, que corresponde ao partido de Allariz, Sarreaus a Xinzo e a Verín.

A traza, partindo da estación de ferrocarril de Ourense a Vigo, cruza o río Miño e desenvólvese pola marxe esquerda do Barbaña e Arnoia, afluentes ambos os dous do Miño. Pasa as divisorias de Arnoia e Limia e do Limia e Támega, este último afluente do Douro, e continua polo val de Laza, Castrelo e Verín ata Portugal.

O tramo comprendido entre a estación de Ourense e Salgueiros (Xunqueira de Ambía), cuxa lonxitude é de 18 quilómetros, áchase totalmente tenteado. Os planos e perfil de Salgueiros a Portugal están completamente rematados e acusan unha lonxitude de 94.975,11 metros.

A traza horizontal comprende 136 aliñacións; as rectas suman 57.737,45 metros e os raios das curvas varían de 200 a 300 metros, agás en catro, para as que se adoptou, polas condicións do terreo, o raio mínimo de 150 metros.

O perfil lonxitudinal entre Salgueiros e Portugal componse de 67 rasantes con inclinacións varias, cuxo máximo nunha soa rasante é de 0,029 por metro.

En suma, a zona foi estudada, o trazado horizontal e vertical reúnen condicións aceptables para a explotación e poden servir de base para determinar na reformulación unha liña definitiva e inmellorable para unha explotación económica".

En un dos varios mapas facilitados e correspondentes a varios dos proxectos de Eloi Luís André, do ano 1926, da liña de ferrocarril, que xa tratamos nun artigo anterior,  Zamora-Santiago por Verín e Xinzo, chama a atención de que fai unha voltas espectaculares para ir dende Verín a Laza pola esquerda do río Támega e volver pola dereita do mesmo río. Outro desvío sen sentido é o de que o tren pase dende Allariz por Xunqueira de Ambía.

En outro dos mapas que me facilita de obras de ferrocarril proxectadas polo catedrático, Eloi Luís André en 1926, a vila de Xinzo converteríase nun importante nodo de comunicacións, no seu proxecto, dunha liña internacional de ferrocarril Vigo-Hendaya-Paris, que dende Vigo por Redondela viría directamente a Xinzo-Verín-Puebla de Sanabria sen pasar por Ourense capital. Dende Xinzo a  liña tería un ramal a Ourense e Padrón para enlazar con Santiago na liña Vigo-A Coruña. Ademais dende Xinzo, partirían dúas liñas secundarias: unha por Bande ata a cidade portuguesa de Braga; e outra, que dende Xinzo a  Montefurado -na zona de Quiroga (Lugo)- enlazaría coa liña de León a Ourense.  Ao mesmo tempo a liña de ferrocarril dende Verín a Chaves, prolongaríase ata a importante cidade portuguesa de Oporto, enlazando co ferrocarril que dende Lisboa pola costa pasaría por Oporto e Viana do Castelo en Portugal  e, xa en Galicia, dende Tui a Vigo, Pontevedra, Santiago ata a Coruña e Ferrol.

Proxectos do catedrático Eloi Luís André que non pasaron de ser unha utopía, pero de haberse levado a cabo, houberan cambiado a historia da nosa vila.