25N- Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

mulleres
25N- Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

mulleresDespois do \“cariño, con esa saia tan curta vante mirar outros homes\” vén o \“prohíboche saír así, pareces unha puta\”. Tralo \“corazón, a comida está fría\”, aparece o \“que asco, que sexa a última vez que non fas ben o que che mando\”. Máis tarde virá o \“xusto hoxe que sacara unhas entradas para o cine, quedas coas túas amigas\” e tras iso o \“nin se che ocorra saír da casa sen min\”. Trala violencia psicolóxica, cando te faga sentir totalmente inferior a el, recibirás a primeira labazada a que te fará culparte da situación e autoconvencerte de que el o fai polo teu ben. Golpes, insultos, vexacións, chantaxes, ameazas... Non es quen de denunciar, ese bárbaro fixo de ti un ser débil, chea de medos, ata que chega ese fatídico día no que che arrebata a túa vida.
E así abrimos a prensa e cada tres días unha muller morta nas mans dun maltratador. Corenta e sete mulleres mortas en España no que vai de ano por violencia machista. Corenta e sete mulleres, das cales só oito denunciaron. Corenta e sete mulleres ás que lles tentaron facer crer que aquela primeira labazada era porque as querían. Corenta e sete mulleres ás que trataron como obxecto e non como suxeito. Corenta e sete mulleres que viviron situacións de pánico que tinguiron a súa vida de cor negro. Corenta e sete mulleres vítimas dun sistema patriarcal no que o home segue sendo superior á muller. Corenta e sete mulleres vítimas dun marco lexislativo no que os puntos do artigo no que se trata este tema, se contradín. Corenta e sete mulleres nadas nunha sociedade na que a igualdade entre homes e mulleres é un acontecemento que aínda tardará en ver a luz. Corenta e sete mulleres que sufriron as consecuencias dun sistema educativo no que aprenderon a ler con libros como a \“Bela e a Besta\” no que a bela ten que comportarse de xeito que non enfureza á besta. Corenta e sete mulleres que vivían nun país no que nos dous últimos séculos o que máis asasinatos ocasionou foi a violencia de xénero xunto coa Guerra Civil e o Franquismo. Corenta e sete mulleres ás que anularon como persoa ata rematar coa súa vida.
Ante o maltrato, tanto físico como psicolóxico, non te quedes calada, non está sola e hai centos de persoas que estaremos dispostas a axudarte porque a violencia machista é un problema social. Hoxe, 25 de novembro, lembremos a todas esas mulleres que non poden berrar \“NIN UNHA MENOS\” e loitemos pola erradicación da violencia machista. Se te quere, nin che pega nin te humilla.

María Barreiro