A carón do entroido.

dOMINGO ENTROIDO 0201
A carón do entroido.

Deixounos o nadal, levando o canso e gastado 2022, e traendo tras del unha racha de chuvia para enchoupar as terras e unha onda de frío para nos aterecer os corpos. Estamos a nada, a poucos días do arranque deste entroido tan agardado. Cando o petardazo rache os ceos da vila espallando fume e cores na noite, abrirase o tempo do noso entroido, o máis longo do mundo, e esqueceremos este mal tempo que levamos de auga e friaxe.

Despois dun ano sen el e doutro dun entroido diferente, tal como escribín nun artigo deste xornal o ano pasado por estas datas, será o momento de recuperarmos a nosa festa máis querida.

Se nada se torce, a miña pantalla, que me acompaña todo o ano pendurada no cuarto onde escribo, non me vai ollar con ollos tristes como o ano anterior. Está lista para saír de troula, percorrer as rúas da nosa vila e desfrutar da festa. Agardemos que o tempo acompañe, que a ser posible a chuvia non nos estrague a diversión. En calquera caso, con auga o sen ela, a festa non parará.

Unha festa da que nos sentir orgullosos todos os limiaos, que tira de todos nós esa ilusión que gardamos durante un ano para deixala saír con forza no seguinte. Esperemos que todo transcorra ben e todas as persoas poidamos desfrutar do mellor entroido que, como outras moitas cousas, vai evolucionando co tempo.

Por que digo isto? Pois porque, fiel ó meu costume de remexer entre vellos papeis e xornais atopei un artigo no xornal La Región do 24 de febreiro de 1933 (alá van noventa anos, coma quen non quere a cousa) onde o xornalista nos di textualmente o seguinte:

Artigo de La Región sobre el Carnaval
Artigo de La Región sobre el Carnaval

“Este año serán los bailes de Carnaval en nuestra villa, algo que dejará recuerdo grato en todos los antelanos.

Los cuatro bailes: domingo, lunes y martes de Carnaval y el domingo de Piñata, serán amenizados por la Banda de música completa, que se dividirá en dos secciones tocando continuamente para que el baile no decaiga ni un momento.

El director de la Banda, don Antonio Tojo, ensaya con cariño para complacer a los amantes de Tersípcore, cuantos bailables modernos están en boga.

La Filarmónica Antelana puede apuntarse un tanto más en su sacrificio por el pueblo de Ginzo.”

A Historia dinos que, na mitoloxía da antiga Grecia, Tersípcore, filla de Zeus, era a musa da danza e o canto coral. As raíces etimolóxicas dese nome grego, suxiren un significado que non deixa lugar a dúbida: “a que goza ó bailar”. Porén, a min gústame máis a parte da lenda na que se lle atribúe o feito de ser a nai de todas as sereas. Non sei se entre toda a xente do entroido deste ano haberá algún disfrace de musa ou de serea. Agora ben, as pantallas, reunidas en grupos, pola rúa saltan, corren, sufaldrean, danzan ao seu xeito; e nos bares, arredor dun viño, cantan e cantan. Non sei se na antiga lagoa de Antela alguén viu unha serea sequera unha vez. Gustaríame pensar que si, só polo feito de que os xenes da musa Tersípcore seguen presentes nas pantallas.