A chegada do Nadal

A chegada do Nadal

Pouco queda xa para o remate deste ano, no que convivimos nestes últimos tres meses cun volcán desatado, que fixo tremer a illa da Palma case que un día si e outro tamén, ateigando a atmosfera de gases e cinsa, xerando ríos de lava incandescente que desfixo toda canta cousa pillou por diante, fosen cultivos de plátanos, vivendas, industrias ou estradas. Parece que xa vai acougando un pouco e xa, coa súa maldade diminuída, a veciñanza toda poderá talvez desfrutar dunhas festas do Nadal un pouco máis tranquilas nese aspecto. De confirmarse o remate das erupcións e fenómenos asociados, chegará a hora das axudas e da reconstrución de todo o que se poida. Neses intres será cando se vexa se os gobernantes e a administración están a altura do que se espera deles.

Iluminación1O que novamente está desatado nestes derradeiros días é a pandemia de coronavirus, que coa súa nova variante ómicron avanza imparable. Seica os expertos agoiran que a súa progresión vai facer que sexa dominante en España. As últimas estatísticas indican que os índices de afectados acadan xa niveis máis altos dos que tiñamos hai xustamente agora un ano. Por iso, nestes días de Nadal que se achegan a toda présa, cómpre lembrar cumprir as normas para protexérmonos entre todos.

Como xa estamos en decembro, devezo polo remate deste 2021 para o que pedín hai case doce meses unha melloría respecto do anterior, cousa que agora non estou vendo. Só pensar nas miserias destes doce meses, ás veces, encólleseme o corazón. Non quero que pensen que estou sendo moi negativo, que non. Acontece que as cousas que vexo todos os días non son as mellores para indicar que as cousas vaian cambiando para mellor. Boto moitísimo de menos unha morea de cousas que se deixaron de facer e que, a esta altura da película, non sei se serán recuperables. Sen ánimo de facer comparacións, as vidas dos que marcharon, os traballos que se perderon, as empresas que pecharon ou mesmo outras cousas máis do lecer, como o entroido de Xinzo e todas esas festas populares que non puideron celebrarse, mudaron o noso xeito de vivir a vida neste ano que remata.

En fin, que non me atrae a idea de ter que volver a aquel estado de alarma que me deu, entre outras cousas, para escribir cen artigos coas miñas impresións daqueles días. Por se acaso volven as prohibicións, hai unha semanas andei pola miña vila. Aproveitei para facer unhas fotos co meu fillo no Espolón e tamén na árbore de Nadal chea de luces da Praza Maior. Na miña memoria da nenez, aínda está o piñeiro que se montaba no centro da praza todo engalanado con paquetes envoltos en papel de cores brillantes. Xa se sabe, a beleza non e cuestión de millóns de luces. Ese día aínda non estaba o tren Polar Express, que seguro fai a ledicia da rapazada toda da miña vila. Talvez dende o ceo, Carlos Casares estea a botar un sorriso renarte; co que a el lle gustaban os trens, non me estrañaría que desexase baixar un día e subir nel. A min o que de verdade me gustaría, sería que todos teñamos, dentro do posible, un feliz Nadal e que o celebremos con sentidiño.

Rafael Laso Lorenzo