A conta dun roubo

Foto redes
A conta dun roubo

Leo neste xornal a nova da instalación de luminarias led na miña vila, en substitución das antigas con lámpadas de vapor de sodio e poida que tal vez aínda algunha de vapor de mercurio. Dado que a miña actividade profesional como enxeñeiro adoita levarme por ese camiño, non deixo de me alegrar polas tres vantaxes que vai supor tal mudanza na iluminación pública, a saber: a mellora da eficiencia enerxética, a mellora ecolóxica que supón a redución de emisións de CO2 e a mellora no gasto público correspondente ao aforro na factura da compañía subministradora de enerxía. Mais como estes artigos que escribo non adoitan pecar de datos enleados e pouco útiles para o que quero contar, imos deixar de lado esa cuestión e pasar a outra máis sinxela.

No artigo anterior, conteilles unha historia, que xa lles prometera noutros, a conta dun roubo acontecido nun comercio situado na praza Maior de Xinzo, alá polo xa afastado ano de 1916. Hoxe en día, o escribir nun xornal coma este, resulta, entre outras cousas, unha labor moi agradecida, pois permite o achegamento a miles de lectores, moitos deles espallados polos sitios máis dispares. Se traio isto aquí, é por unha razón con moito de satisfacción persoal que lles quero contar. Esta semana recibín correo electrónico dun amable lector dende Madrid, feito que me causou unha dobre ledicia: por unha parte, o propio detalle do correo e, por outra, o detalle de que na capital de España tamén se lea este xornal. Esta persoa comentoume varias cousas no seu correo. A primeira que, dende aquel meu artigo no que dicía que lle ía contar a vostedes aquela historia do atraco, lía o xornal todos os días agardando atopala. Agradecido eu por ler esas palabras, abraieime aínda máis cando me contou que el era bisneto do dono do establecemento, o señor Alonso Nieto. Cando acontecen cousas coma esta, un xa non sabe se hai casualidades na vida ou ben que a vida está feita de casualidades. O caso é que lle respondín ao seu correo co meu agradecemento e, de paso, pedinlle permiso para contarlles unha historia que el me contou e que lle aconteceu ó seu bisavó. Resulta que este, que debía ser moi devoto, pediulle un favor a Virxe dos Milagres, ofrecéndose a cambio a ir descalzo ata o santuario. Á Virxe debeulle de parecer ben proporcionada a cousa e parece ser que lla concedeu. Por tanto, o señor Alonso Nieto tivo a obriga de cumprir coa súa promesa, cousa que fixo. Ata aquí todo normal, e máis nun home de negocios coma el, afeito a facer tratos e cumprilos. E alá foi o bo home facer o camiño como prometera. Porén, co que seguro non contaba a Virxe é que o noso comerciante non manchase sequera os pes malia ir descalzo. Se nosa Señora dos Milagres pensou que o ía facer a pé, só desexo que non lle tivese en conta e non lle parecese mal o feito de ir montado en burro. Descalzo, iso si.