A febre do Wólfram

191f056f552672e190fe99062ed5b7b0_XL
A febre do Wólfram

Teño escoitado de boca de meu pai a historia do meu avó, zapateiro de profesión e fillo de xastre. Tocoulle desenvolver o seu oficio nos duros anos da guerra civil e nos 191f056f552672e190fe99062ed5b7b0_XLseguintes anos, na segunda guerra mundial. Nesa época o ouro negro non era o petróleo, senón o wolframio, mineral ao que todo o mundo chamaba wólfram. Material de alto punto de fusión, os alemáns de Hitler precisaban del para a fabricación de armamento pesado e tamén de munición. Foi naqueles anos nos que se desatou unha paixón pola minería na procura do citado mineral. Na historia de Galicia seguirán a estar presentes nomes como os de Casaio (nas terras de Valdeorras), Vilanova (no máis fondo das montañas de Ourense, co río Maluro ao seu carón), Varilongo (en Santa Comba), Verín, Oimbra, Laza, Monte Neme, Baltar, Fontao (en Vila de Cruces) ou a Mina das Sombras (na cabeceira do río Vilameá en Lobios). Unha auténtica tolemia polo wólfram que tan ben narrou Héctor Carré na súa novela Febre.

Durante a Segunda Guerra Mundial, perante a elevada demanda do mineral, Galicia chegou a concentrar o 70% do total da produción española. Dende a nosa terra, saíron moitos kilos en dirección a Berlín. Dise que o réxime de Franco, pagaba con mineral aos alemáns. No caso da mina de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, coñecida na bisbarra polo nome de “a mina dos alemáns” estaba directamente xestionada polos nazis. Durante os anos da guerra os prezos multiplicábanse por catro cada ano. Por tanto, non era estraño que comezase a ser cousa común o contrabando de wolframio. Co produto da venda das pequenas cantidades roubadas de mineral, podía manterse unha familia case un ano enteiro. Os mineiros escondían pequenas cantidades que volvían recuperar de noite. As mulleres facíano entre as súas roupas, más folgadas e tamén máis discretas. Todo isto foi dar en mafias do wólfram que traficaban con el fóra do mercado oficial.

20100906125728_dsc_0579-jpgHai estudos que din que só no ano 1943 o total oficial de traballadores en minas de wólfram en Galicia era de 7669. A realidade verdadeira, di que eran o dobre. Non é de estrañar, por tanto, que se produciran asaltos ás instalacións mineiras, cousa que obrigou nalgunhas a establecer unha vixilancia intensiva.
O negocio escondía tamén unha realidade oculta: o envelenamento polo arsénico que se liberaba ao extraer o wolframio das pedras de seixo e que, pouco a pouco, deterioraba a saúde dos mineiros nun proceso lento que remataba na morte por descoñecemento da enfermidade.
O meu avó gañou uns cartos facendo botas para os mineiros do wólfram, que lle permitiron facer unha casa e sacar adiante á familia naqueles anos tan duros. Finou nun mes de abril de hai corenta e catro anos. Acordo del moitas veces. E volvín facelo unha vez máis lendo unha noticia do xornal El Compostelano, do 29 de xullo de 1943, na que se dicía o seguinte:
La fiebre del wolfram. Fuerzas de Costas y Fronteras de Ginzo de Limia, han intervenido 21 kilos de mineral de wolfram a los vecinos de Feás y Orense, respectivamente, Rogelio Domínguez y Silverio Alonso Parvata.

Na mesma páxina do xornal, dise que en Santiago foron arrestados un home por “embriaguez y escándalo”, outro por “dedicarse a la vagancia” e que once homes e unha muller foron sancionados por “hacer aguas menores en la vía pública”.

Non sei que castigo lle caería ao Rogelio e ao Silverio. Mais, entre estes dous e aqueles de Santiago, se teño que escoller, eu tamén roubaría wólfram.

Rafael Laso Lorenzo