A festa das doncelas

torre de pena
A festa das doncelas

Cando eu era un rapaz, os meus avós paternos contábanme unha chea de historias e lendas arredor das terras da Limia. Hoxe, cando xa pasaron máis de corenta e cinco anos, torre de penaaínda gardo todas elas na memoria. Porén, a referida á batalla de mouros e cristiáns que se celebra dende o ano 1840 na Saínza, era narrada pola miña avoa con especial énfase e emoción. Non esquecerei nunca aquel “Queredes guerra? Guerra teredes!, que segundo ela me contaba, lle espetaban os cristiáns ós mouros. Cómpre dicir, con respecto a estes, que naqueles meus poucos anos, eu andaba un pouco confuso co seu nome. Porque, de acordo co conto da miña avoa, os mouros eran os musulmáns infieis. Mais, cando o meu tío Toniño Moca acordaba de contarme a historia dos mouros agochados na Torre de Pena, agardando vir na miña procura cada vez que eu facía unha trasnada, mudaban en seres fantásticos e horrorosos que causaban máis que medo. Eu sempre fuxía a correr para agocharme no sitio que me parecía estar máis seguro. Malia esa confusión miña, no fondo, a idea subxacente na historia da miña avoa era que o ben sempre trunfa sobre o mal.

Eu non sei se iso será exactamente así. Lin o estupendo traballo do catedrático Enrique Bande Rodríguez sobre a romaría e as súas orixes, que segundo explica “se basan en una historia con raices en la Reconquista, en una acción local en la que los naturales de la comarca lucharon contra los musulmanes derrotándolos. Esta victoria se la atribuyeron a la Virgen de la Merced. Otros con más rigor histórico opinan que este suceso no se pudo dar en las tierras de la Limia, dado que las tierras gallegas no fueron invadidas por los musulmanes”. Lembro ter lido tamén nalgún sitio a teoría de que é unha conmemoración da Batalla de Clavijo, que enfrontou ao Rei Ramiro I de León cos musulmáns, e na que gañou (tal como se conta na lenda) porque o mesmo apóstolo Santiago baixou dos ceos para loitar a carón dos cristiáns.

Fose como fose, rescatei esta historia por mor dun artigo publicado o 22 de maio de 1933 no xornal El Compostelano polo xornalista e escritor santiagués Antonio Fernández Tafall (1869-1936), no que fala dunha Festa das Doncelas en Xinzo de Limia (e tamén en León), na que as mesmas simulan ser rescatadas polos cristiáns. Non fun quen de atopar información sobre a citada festa en Xinzo, mais si noutros lugares de España. Mágoa que a miña avoa xa non estea para preguntarlle. De ter coñecemento da mesma, seguro que ma contaría tan ben como facía coa da Saínza... Para non esquecela nunca.

Rafael Laso Lorenzo