Accións en 1948 da guerrilla en Vilar de Santos e as Pegas (Sandiás)

torre sandias
Accións en 1948 da guerrilla en Vilar de Santos e as Pegas (Sandiás)

Ás dez da noite, do día 18 de agosto de 1948, petan na porta do negocio de Francisco Lama Ferreiro de Vilar de Santos, o seu fillo Xulio recoñece a Manuel Casares e abre a porta, penetrando dous guerrilleiros armados con pistolas metralladoras, sendo encanado e dicindo: \“Manos arriba, somos las fuerzas de la resistencia de la República y venimos por el dinero por estar multado con cincuenta mil pesetas\”. Respondéndolle que non tiña cartos, pois soamente dispuña de trescentas pesetas que lles entregou, enviou ao seu fillo Xulio a buscalos pola aldea, acompañado dun guerrilleiro. Primeiro foron á casa de Xosé Estevez Alonso, que dixo non ter cartos nese momento e regresaron con tres mil pesetas que lles prestara outro veciño da aldea, Xosé Pérez Domínguez. Como non lles podía facilitar máis diñeiro, procederon a rexistrar a casa e levaron varias prendas de roupa e diversos produtos de alimentación, bebidas e dous fusís da marca Mausini do calibre 7,62 mm., que tiñan el e o seu fillo Paco (que estaba ausente), como membros do Somatén armado. Os sete membros do grupo guerrilleiro, dixeron que dentro duns días volverían pola cantidade que lles quedou restando, levando como reféns a Xulio e ao veciño Manuel Casares Blanco, que os acompañaron ata fóra da aldea onde foron liberados; fuxindo en dirección norte, penetrando no monte e perdéndose o seu rastro na escuridade da noite. A garda civil de Rairiz e Xinzo iniciou batidas polos montes e practicou rexistros domiciliarios de persoas sospeitosas das aldeas de Cerredelo, Saa, Parada, Bréixome e Toxediño, sen resultado. Posteriormente, Francisco Lama Ferreiro foi detido o día 20 de agosto, pola perda dos dous fusís subministrados pola Garda Civil, sendo posto a disposición do gobernador militar no cárcere de Ourense, onde consta o seu ingreso o día seguinte co número 720/48; sendo finalmente posto en liberdade provisional a primeiros de setembro[1].

Ás nove da noite do día 13 de setembro, os guerrilleiros proceden a dar outro golpe e preséntanse na aldea de Pegas (Sandiás). Cinco guerrilleiros armados de pistola e unha metralladora obrigan á veciña Xenoveva Conde Dios, a que os acompañe á casa de Ramón Camino Traveso, coa intención de que chame á porta, pasando tres deles á cociña onde se atopaba a familia e quedando outros dous vixiando nos arredores. Esixen a entrega dos cartos que tiveran, empuñando ás pistolas, polo que lles entregaron cinco mil pesetas, marchando seguidamente á casa de Eladio Borrajo Suárez, violentando a porta por estar pechada, rexistrando a casa e apoderándose dunhas tres mil pesetas, que tiña gardadas debaixo dun colchón; chamando á súa dona e pedindo a entrega de mais diñeiro, obrigándoa a que o buscara, sen que nada conseguira, marcharon entón, non sen antes coller un xamón dos moitos que había na bodega (era xamoneiro). Das pescudas realizadas pola garda civil, foi detido Manuel Cid Solveira \“O Rosquilleiro\”[2], veciño de Sandiás \“por suponerlo presunto enlace de esta partida de bandoleros (...) él que a pesar de negar sus relaciones con los mismos, es destacado elemento izquierdista, significándose mucho durante el Frente Popular\”[3]. Foi posto en liberdade por falta de probas. Parece ser, por declaracións do guerrilleiro Manuel Rodríguez, que tempo despois repetiron o golpe, para recoller os cartos da multa que lles puxeran, levando desa vez unha cantidade de cerca de corenta mil pesetas en billetes[4]. (Do meu libro: Historia e Memoria. A LIMIA: 1931-1953)


[1] Arquivo Militar Intermedio Rexión Militar Noroeste (AMIRMN). Causa militar nº 417/1948.

[2] O ano seguinte foi involucrado na causa militar nº 185/49. Acusado de ter amizade coa guerrilleira Carmen Fernández Seguín e de que un día antes de cometer os guerrilleiros este atraco nas Pegas a Ramón Camino e ao xamoneiro Eladio, estiveron os guerrilleiros na súa casa sen que lle indicaran nada dos seus propósitos, que uns quince días antes do intento de atraco a Antonio Santana, volveron estar na casa cinco guerrilleiros entre eles Perfecto Dios. Por esta causa foi condenado a SEIS ANOS de prisión menor.

[3] AMIRMN. Causa militar nº 475/1948.

[4] AMIRMN. Causa militar nº 201/1950.