Os afectados polas Preferentes

Os afectados polas Preferentes

PARA OS AFECTADOS POLAS PREFERENTES O TEMPO DA MOVILIZACIÓN SOCIAL XA PASOU… AGORA É TEMPO DE ACUDIR A XUSTIZA!!!

A actual crise que estamos sufrindo, sen que a inmensa maioría dos cidadáns tiveramos ningunha culpa na provocación da mesma, está tendo como consecuencia que colectivos importantes estén padecendo auténticos dramas, sen que se lle teña buscado unha solución  política axeitada por parte de que ten a responsabilidade de facelo.

Os roubados, os estafados pola  venda de preferentes e subordinadas representan algúns dos casos máis dramáticos e máis graves que estamos vivindo con miles de galegos  enganados, centos deles veciños nosos, veciños das terras da Limia que, sen que ninguén lle explicara os riscos destes productos, ven con impotencia e desesperación como van perder os seus aforros de toda unha vida conseguidos con sangue, suor e bágoas, por culpa duns ladróns, uns estafadores,… que cometeron este atraco conscientes do que estaban facendo. E cando falo de ladróns e de estafadores non me refiro aos traballadores nin aos directores das sucursais, eles posiblemente tamén foron roubados e estafados e de seguro que neste roubo, nesta estafa, son os que menos culpa teñen, aínda que é evidente que algunha responsabilidade si que tiveron; pero os verdadeiros responsables  foron os equipos directivos das entidades financieiras, no caso de Galicia de Novagalicia Banco que, por se fora pouco, cometeron este atraco aos pequenos aforradores coa complicidade do Banco de España e dos Governos  do PSOE e do PP que, coñecendo o que estaba pasando neste caso, coma en tantos outros, preferiron mirar para outro lado no canto de enfrontarse á gran banca e prohibirlle colocar estes productos financieiros de risco a pequenos aforradores que non buscan grandes ganancias especulativas, senón seguridade e dispoñibilidade nas súas inversións.

A situación que padecen os afectados  é dunha gravidade extrema: o governo acaba de aprobar unha quita que, no que ten que ver cos clientes de Novagalicia Banco, supera o 40% e que será aínda maior cando queiran cambiar as accións que lle van dar por diñeiro en efectivo; unha auténtica estafa que xustifica tódalas movilizacións que están facendo e máis. Pero tamén é certo que en situacións complicadas, graves,… hai que ter a cabeza fría para cambiar de estratexia cando se ve que a que se está seguindo non dá resultado. Sinceramente, penso que o tempo das movilizacións para exercer presión para que se lle dera unha solución política a este tema xa pasou e, desgraciadamente, non surtiu efecto, así que hai que buscar outro camiño para conseguir que os afectados recuperen a totalidade do investido, e ese camiño, ao meu modo de ver, non é outro que a xustiza. Tampouco me vale a arbitraxe, xa que na arbitraxe é Novagalicia Banco quen decide a quen lle acepta ese proceso e a quen non, pero aqueles que acudan a xustiza sempre van ter unha sentenza dun xuíz que, tal como están saíndo, só no caso de que os afectados sexan licenciados  en dereito, ou tiveran investido con anterioridade en productos financieiros deste tipo, que estou seguro que serán moi poucos, teñen moitas posibilidades de acadar unha sentencia favorable.

Este é o camiño que asociacións como AGAPROFI ou organizacións políticas como Compromiso por Galicia lle teñen recomendando seguir aos afectados desde hai tempo, desde o momento en que con bo tino percibiron que o camiño da movilización social non ía conseguir ningún resultado positivo, aínda que eu comprendo, e por iso sempre terán o meu modesto apoio,  que eran necesarias, aínda que só valeran para que os afectados poideran desafogarse, da rabia e da impotencia que sentiron, cando comprobaron o atraco e o roubo de Estado do que son víctimas. Pero paréceme que seguir a estas alturas  encamiñando aos afectados cara movilización, o único que vai xerar é desánimo e frustación, por que como xa dixen a única vía que lle queda para recuperar o cento por cento dos seus aforros é a vía xudicial.

E como así o penso, así o digo.