Alcalde asesor iletrado con ademán de pistoleiro renegado

Alcalde asesor iletrado con ademán de pistoleiro renegado
XOSÉ LOIS CARREIRA

Calquera de nós pouco ou nada podería desviarse do ule con cinco xurídicos sobre a mesa: un secretario, unha adxunta, un interventor da Deputación, unha letrada funcionaria e un asesor privado. Se ademais destes limiares contaramos tamén cun concelleiro de Facenda que condicionara o crédito axeitado, cunha concelleira do Persoal con dedicación exclusiva que velase polo rigor na provisión, dúas Tenencias de alcaldía que nos aconsellaran na corrección e, no cumio, sendo asesor administrativo de carreira e oficio, resultaríanos case imposible desafinar con toda esta banda. A non ser que o obxectivo real fora facelo, e a sabendas, e precisando logo de todos os resortes legais e ilegais para escorregar o morto. Todos apertaron o gatillo desta pistola aínda fumegante.

Non se trata só do disparo do alcalde contra os seus secretarios ou dun tiroteo á discreción contra a igualdade de oportunidade descrito polos propios xuíces como teimudo, neglixente,reiterado e groseiro a pesar das dezasete advertencias da Secretaría, tiveran data oficial o non. Estamos diante da deturpación total da alma da institución, da súa Xunta Local de Goberno presidida por un alcalde asesor iletrado con ademán de pistoleiro renegado que realmente está a disparar contra o propio Xinzo con perigosos francotiradores, a Delegación do Goberno e a Xunta de Galicia, obrigados por lei a disolución e reposición da legalidade de todo órgano corrompido na administración local.