Algo está a mudar na rede

Algo está a mudar na rede
Algo está a mudar no audiovisual en xeral… E no audiovisual galego en particular…E conta delo dá a recén publicada hoxe listaxe definitiva de candidaturas aceptadas nos Premios Mestre Mateo 2013 (pódese consultar en http://www.academiagalegadoaudiovisual.com/

Como sabedes, os Premios Mestre Mateo son os galardóns do audiovisual galego, neles premianse todo tipo de producións galegas realizadas no ano previo á súa celebración, de xeito que nesta edición se premiarán as obras feitas durante o 2012. E hoxe publicouse a lista definitiva de candidaturas aceptadas a concurso. O curioso é que este ano irrumpe con forza unha nova categoría a competir: a serie web.

 Unhas das máis veteranas neste campo dentro de Galicia, Sonia Méndez e Sandra Lesta, as creadoras da serie “Angélica y Roberta” que comezou a súa andaina no 2011, xa foron nominadas na pasada edición co resto das series galegas; pero estaba claro que non é o mesmo, nin o formato, nin a duración, nin o soporte, nin a filosofía.  Algo está a mudar. A rede fai que sexa diferente.

Está claro que o feito de estar dispoñible online que calqueira persoa do mundo con acceso a internet poida ver estes produtos dun xeito legal onde, cando e como queira muda o tema.

Non é só que sexa legal, é que son os produtores os que as ofrecen gratuitamente a un público global a cambio de difusión, autopromoción, publicidade e outras razóns que non adoitan ser económicas. Menos duración, máis dinamismo, flexibilidade e axilidade no discurso, máis fragmentación e sobre todo un custo moi baixo fan que un produto que doutro xeito nunca podería ter visto a luz chegue a miles de persoas.

Realmente é unha iniciativa máis que interesante que está posibilitando a cultura (aínda que sexa cultura low-cost), o consumo gratuíto de cultura e a produción audiovisual en Galicia neste momento, e posibilitando a persoas (entre as que me inclúo) a oportunidade de seguir traballando e aprendendo no audiovisual.  Certo é que o traballar “de gratis” ou por un salario moi baixo non é unha boa perspectiva de traballo, pero é unha forma máis de comezar a facer cousas nun determinado momento por unhas determinadas circunstancias, ou de posibilitar a creación entre un grupo de amigos interesados na arte dunha peza que doutro xeito nunca poderían chegar a realizar.  Xente coma min, que estamos comezando, non podemos aspirar a que unha produtora “grande” nos contrate, pero si que podemos participar, de forma complementaria a outro traballo, nestos proxectos creativos que ó meu punto de ver, son unha alternativa moi enriquecedora e con moito potencial.

O que podemos ver no panorama audiovisual galego é que, dende logo, a produción destas series proliferou moito e “por algo será”. Será porque hai moita xente nova con ganas de facer cousas, será que podemos aproveitar os beneficios de internet para producir cultura... Non sei que será, pero sei que este ano, tras a proposta dun grupo de académicos, encabezados por unha reivindicativa Sonia Méndez ( Angélica y Roberta) propuxeron na  Academia Galega do Audiovisual crear unha categoría de serie web. E trala aceptación desta proposta hai cinco oficialmente seleccionadas: “Amores Prohibidos 2.0” (Redenasa), “Angélica y Roberta” (Sonia & Sandra, La Panificadora), “Entre Pipas” (Jorge Cassinello Sansegundo, protagonizada por Luis Zahera e Xúlio Abonjo), Joke Business (Israel Nava e Déborah Vukusic) e “Te Quiero, Pero” (Ángel Seoane, Sabela Pillado, Tati García, Carlos Gulías).

E iso sen contar outras series web que se realizaron este ano pero que se presentarán no 2013 coma “El Quid” (Raúl García e Bruno Nieto), que contan cun reparto de luxo coma calquera das mellores series da TVG: Antonio Mourelos , Camila Bossa , Monti Castiñeiras, Sabela Arán ou Xavier Estévez . Do mesmo xeito, o que comezou como a curtametraxe  “Unhas Clases do Social a Tempo” (Pablo Cacheda) con Carlos Blanco e Santi Romay como protagonistas, rematará sendo unha serie web, que se vai gravar durante o 2013. Algo está a mudar, ou non?