Alguén non cre ao alcalde?

Alguén non cre ao alcalde?

LUIS VELOSO

A estas alturas da película as cousas están pouco claras en todo o que se refire ó concello de Xinzo e sobre todo o seu e noso alcalde Antonio “Chavelleiro”.

Vou tratar de facer un percorrido no tempo,  para despois chegar a unha conclusión final , que dende logo a estas alturas parece que aínda ten un longo camiño por diante.

O que ninguén pon en dúbida son as capacidades do alcalde. Antes de ser elixido dicíanse moitas cousas deste “persoeiro  político”, tampouco  ninguén dubidaba das súas dotes de liderado e de xestión.Tanto os contrarios como moitos dos seus , apuntaban como algo positivo ter conseguido sacar da alcaldía o sempiterno Vila.

Despois desta análise  fágome as seguintes  preguntas.

Volveuse tolo en só dous anos?

Esta pregunta loxicamente ten unha  resposta, para nada…

Entón que lle pode suceder  a unha persoa, con capacidades e  competencias suficientes para  grandes xestións, véxanse as súas empresas, pode meterse no fregado no que parece estar neste momento, teña ou non teña razón, que iso será o xulgado quen o diga?

Pode alguén querer pasar polo xulgado por contratar a unha persoa para facer as labores de limpeza das rúas?

Pode  esa mesma persoa pasar por “prevaricador” segundo algún maxistrado por contratar a un administrativo para funcións  en cultura, e saír un día tras outro nos xornais? Botando  por terra todo o traballo e xestión destes anos.

Non entro a valorar neste caso ningunha das cousas que están a saír nestes días, nos xornais incluídas as sentenzas, todas elas contrarias ós intereses do Concello, non do alcalde, por contratar a persoas cando podería non facelo, ou facelo con outras que lle estarían igual de agradecidas e desta maneira non ter problemas coa xustiza.

Sinceramente eu non creo que  alguén nas súas  plenas facultades e tendo unha recua de profesionais  para asesoramento e compañeiros de partido, que algo terán que dicir tamén si as cousas saen mal, se arrisque tanto.

Por todo isto, penso que hai que buscar a explicación noutro lado , crer en que todo o que el di e a verdade ou… que hai unha man negra que move os fíos para sacalo de alcalde.