O amigo das palabras

O amigo das palabras

Hai non tantos anos, houbo na Limia un home que obraba prodixios armado soamente cunha máquina de escribir. Despois púñalles título a estes pequenos milagres para que nós, simples mortais, puidésemos referirnos a eles.

Para este mago das palabras a comarca limiá representou o primeiro contacto coa liberdade. E a vila de Xinzo, o lugar de encontro coa lingua galega, coa que se comprometeu nun matrimonio fiel e duradeiro quebrado polo seu pasamento, hai once anos.

E mentres un monte de galegos agardamos a que a Academia se decida a homenaxealo cun 17 de maio no seu nome, son outros os que traballan pola figura de Carlos Casares. Estes outros son, desta volta: Rafael Laso, tamén limiao, e todos os amigos que participaron regalando os seus recordos de Carlos no volume “Carlos Casares: o amigo das palabras”.

Laso articula este libro en tres partes, tal e como ordena a tradición clásica. Comeza cunha biografía do home, escritor, xornalista, militante, tradutor … A historia vital de Casares vaise contextualizando dentro dos fitos nacionais e internacionais máis destacados do seu tempo, outorgando ao texto unha lixeireza que se agradece en formatos que, coma os biográficos, adoitan ser densos pola grande dimensión de datos que barallan.

A parte central énchese con máis de cincuenta instantáneas da vida de Carlos Casares, desde a infancia aos últimos anos. E unha final, recolle os recordos e opinións de máis dunha trintena de amigos, entre eles a súa dona Kristina Berg e seu irmán Xabier.

Varios dos que cederon a súa voz para falar do escritor e a persoa, son vellos coñecidos da Limia. Un dos nomes máis familiares é o de Xosé Badás, director da revista Lethes, que salienta da obra de Casares o uso dos espazos limiaos, que asegura aportan “un valor engadido” para os que coñecen a comarca pois “permite darlle azos á imaxinación”. Tamén están Delfín Caseiro, Martínez Cerredelo, Antonio Riveiro ou Dolores Villarino. Ademais dun célebre colaborador deste medio, Manuel Seoane que recorda como durante súa lectura de Os mortos de aquel verán trataba de “atopar similitudes e paralelismos entre Xinzo e a vila do relato, supoño que para afianzar a miña militancia limiá”.

Todos eles falan do escritor mediante a resposta a un cuestionario de catro preguntas: Como vías ti a Carlos Casares, como escritor e como persoa?; Que calidades destacarías na súa escrita?; Con cal das súas obras quedarías e por que?; Que cres que lle debe a cultura galega a Carlos Casares?; e se che fose posible, que lle preguntarías hoxe?

 E vostedes, que lle preguntarían se puidesen a un paisano tan sobresaliente coma Carlos Casares?