Animando o cine galego

Animando o cine galego

A ANIMACIÓN GALEGA A ANÁLISE

Hai unhas semanas estreouse en Ourense a película de animación “O Apóstolo” nun contexto un pouco “especial”. O evento tivo que facerse dentro do marco do Cineclube Padre Feijóo e só lle permitiu ao filme galego ser proxectado na cidade das burgas en tres sesións dunha única xornada, cando o propio sería que este filme se proxectara en salas de cine comercial durante, polo menos, unhas semanas, e que o público galego puidese disfrutar desta longametraxe.

O que aconteceu foi que, tristemente, o filme non conseguiu chegar ós cines comerciais como se esperaba debido á xestión da distribución e á dificultade actual que atopan as películas que non son producidas polas majors estadounidenses para poder acceder ás salas de cine. Poderiase dicir que os americanos teñen montado un oligopolio (case monopolio) ilegal e desprazan a filmes feitos aquí que poderían ser igual ou máis interesantes para o público autócotono.

Non é novidade que se faga animación en Galicia, pois é un xénero que nos gusta especialmente. De feito na última década a coruñesa Dygra (coas premiadas nos Goya “El Sueño de una Noche de San Juan” e “El Bosque Animado”, entre outras) e o selo de animación que a Americana Filmax ten en Santiago de Compostela chamado Bren Entertainment (“El Cid, la Leyenda”, “Pinocho 3000”, “Donkey Xote”, “Pérez, el Ratoncito de tus Sueños” ou “Copito de Nieve”, tamén con premios Goya entre as súas producións) van pola decena de filmes deste xénero, que non é pouco, tendo en conta que neste tipo de películas só se chegan a rodar uns segundos cada día, tras horas e horas de gravación.

Entón, se a animación é un xénero consolidado en Galicia, que falla na distribución de un grande filme coma é “O Apóstolo”? Tras tres anos de traballo e máis de 200 profesionais implicados (entre eles animadores e “modelmakers” de “La Novia Cadáver”, “Evasión en la Granja” ou “El Señor de los Anillos” e o compositor Philiph Glass); e tendo en conta que é a primeira película de animación stop-motion realizada mediante produción estereoscópica feita en Europa, que está nominada aos Goya logo de ser premiada xa en numerosos festivais de cine coma o de Marsella ou Málaga.... Que pasou?

Na miña opinión, o que pasa moitas veces na nosa terra. Que temos un bo produto pero non o sabemos vender, ou non nos deixan. Dentro das fases da produción audiovisual a que máis adoita fallar é a derradeira: a distribución. Preproducimos ben, producimos e realizamos ben, pero logo, unha vez rematado o produto, non sirve de nada que sexa marabilloso se non temos unha rede de distribución e unha estratexia de promoción para que chegue aos receptores, ao público. Hai cantidade de películas galegas e españolas que non se chegan a ver nos cines nin televisións, que fican rematadas, almacenadas en algún lugar logo da súa andaina por festivais, coa única esperanza de saír á luz nalgunha proxección ou ciclo de cine temático.

En “O Apóstolo” investíronse 5,2 millóns de euros de presuposto, e só recadou 13.000 euros na taquilla durante a primeira fin de semana de exhibición (e só uns 25.000 dende entón). Tíñanse apalabradas 80 salas de cine para proxectalo, das cales só 25 o fixeron finalmente, nuns horarios pouco adecuados ou zonas moi alonxadas dos centros urbáns. A fin de semana que se estreou nos cines comerciais o 31 de Outubro competía con “Skyfall”, “Sinister” e “Lo Imposible”. Isto, engadido ao feito de que estivera en soporte dixital en vez de en 35mm fixo que moitas das salas se botaran atrás e preferiran ofertar películas americanas en vez de esta galega. Unha vez mais falla a forma de vender o produto, non o produto en si. E a influencia dos pesos pesados de EEUU que desprazan a calquera produción propia, por moi boa que sexa.

Como moitos de vós sabedes, na Limia tamén tivemos a nosa propia produtora de animación (Limaia, en Sandiás), mais esta iniciativa tristemente non seguiu adiante debido á súa rentabilidade e xestión, que a levaron a pechar.

Nestes mundos do cine inflúen infinidade de variables en que un bo filme chegue a ser visto nas salas de cine ou que un proxecto funcione, pero dende logo a que máis nos falla a nós é a estratexia de promoción e distribución. Dado a gran vantaxe que nos levan as grandes majors norteamericanas o Estado ou as institucións pertinentes debería dar, na miña opinión, algún tipo de axuda a estas producións, porque queda claro que non son suficientes as que hai. Non me refiro a subvencións, que xa sabemos que non están os tempos para pedir cartos... Pero sen dúbida debería haber un óco reservado nas nosas carteleiras para o noso cine, independentemente de que a produtora sexa unha subcontratada da americana Filmax ou sexa a galega Artefacto Producións. Que menos, non?