De árbores de Nadal.

De árbores de Nadal.

IMG-20161205-WA0005

Unha das mellores lembranzas que gardo da nenez na miña vila de Xinzo de Limia, é a da praza Maior polo Nadal. Aínda había aquela fonte en forma de estrela, nesa parte da praza contra o comercio do Peláez e o baixo onde hoxe está o café Tremedoiro. Moitas das veces, a auga do cano xeábase, e os rapaces iamos coller os carambelos de xeo para lamber neles. Sentiamos máis frío pousando as mans nas barandas ou nos copóns do Espolón, que collendo aqueles anacos de xeo case transparente. E despois estaba a árbore, a grande árbore de Nadal. Un inmenso piñeiro chantado no centro da praza, enorme, alto, altísimo para aqueles cativos que eramos eu e os demais nenos cos que xogaba. E en toda a súa grandeza, adoviado con caixas envoltas en papel de agasallo de cores rechamantes e brillantes, bólas grandes e luces. Nunca se me esqueceu o xeito que eu tiña de mirar para aquela árbore de Nadal tan fermosa.

IMG-20161205-WA0007Moitos anos despois, vín outra árbore de Nadal que me chamou a atención. Foi na Praza do Comercio, en pleno corazón de Lisboa. Toda ateigada de luces de cores, chea de xente ó seu redor, eu e mais a miña dona incluídos, que non paraba de lle tirar unha foto tras doutra. Os flashes das cámaras, formaban a carón dela unha sinfonía de estreliñas bailando ó son da música que se escoitaba na praza. Daquela non existían os teléfonos móbiles. Teño un amigo, que vende estos aparellos, que sempre di que non lle deberiamos chamar así, senón portátiles ou celulares. Mais como iso é outra historia e non quero falar dos teléfonos, volvo ás árbores de Nadal.

O ano pasado, en Vigo, puxeron unha fermosa construción que semellaba unha árbore, un cono perfecto de liñas de luz, feitas con bombilliñas brancas e azuis. Estaba a carón da estatua do Sireno, na Porta do Sol. A xente podía pasar por dentro da árbore, entraba por unha parte e saía pola outra.143

Hoxe, cando escribo isto, é a tarde do tres de decembro. Estou en Xinzo. E onte a noite, fun á praza para tomar un café no do Rudi e vina. A ela, a árbore de Nadal, toda de luceciñas verdes e estrelas brancas de cinco puntas. Non podo dicir que non sexa fermosa, que o é. Mais non coma aquel piñeiro da miña nenez que gardo na memoria, cos seus paquetes de cores que me lembraban agasallos. Si, aqueles paquetes dos que eu, na miña inocencia infantil, agardaba que polo menos un deles aparecese na miña casa o día de Reis. E todo porque imaxinaba que, no seu interior, estarían os xoguetes.

Nota: Fotos antigas cedidas por Carlos Gómez Salgado

Rafael Laso Lorenzo