ATRACADORES DE LENDA NO LIMIA

ATRACADORES DE LENDA NO LIMIA

O Canelliñas e mailo Almalla, foron dous famosos salteadores de camiños, moi coñecidos durante as décadas dos anos corenta e cincuenta do século pasado. A súa área de actuación, non moi ampla, situábase entre a zona de Portoquintela e Muíños. Os seus actos delitivos consistían en pequenos atracos a man armada, máis ben simulando ser armada, pois nin para armas verdadeiras tiñan a maioría das veces. Agochados de noite no poldrado que cruzaba o Limia cara Mugueimes esperaban o paso dalgunha víctima solitaria para cobrárlle-la peaxe.

Moitas noites, traballaban xuntos e outras por separado, dependendo das necesidades económicas de cada un. Mesmo se deu o caso de ser atracada a mesma persoa dúas veces a poucos metros de distancia, unha polo Canelliñas e outra polo seu amigo Almalla, o que desembocaba nunha rifa entre ámbolos dous en presenza da asustada víctima. A verdade era que nunca foron moi profesionais, nin como banda organizada nin individualmente.

Unha tarde de verán, o Canelliñas estaba a pescar no río Limia cunha vella cana. Traía unhas chancas esnaquizadas e unhas polainas de coiro moi frouxas que lle chegaban deica os xeonllos. Cada vez que picaba un peixe, soltábao do anzol e introducíao nas polainas. A parella da garda civil estivo ollando para el un bo anaco de tempo e cando xa tiña as polainas cheas de peixes, decidiron incordialo un pouco, pois xa era un vello coñecido do cuartel. O home ó verse sorprendido tirou a cana ó río e intentou aparentar normalidade.

Preguntáronlle como se chamaba e non quixo responder, polo que foi conducido dende o río ata as casas de Portoquintela, para que o identificaran os veciños. Os gardas, cada vez que lle preguntaban o nome e non respondía, dábanlle patadas nas polainas e os peixes íanse escorrendo e quedando tirados polo camiño.

Cando xa se perdera toda a pesca e tiña as canelas cheas de moratóns, acordou dicirlles que o seu nome era Delmiro Taboada Rodrigues.

Naquel momento, o Almalla, o seu colega de aventuras, baixaba polo camiño e ó ve-los gardas, intentou troca-lo rumbo e o ritmo da súa marcha, pero foi requerido polo sarxento.

Ó preguntarlle se coñecía ó seu veciño detido, manifestou con toda rotundidade que nunca o vira. Os gardas insistían, argumentando que ó seren os dous da mesma aldea tiñan que se coñecer. Negouno de novo.

O sarxento, canso da situación, voltoulle preguntar se non coñecía ó seu veciño, Delmiro Taboada Rodrigues.

O Almalla, cos ollos abertos coma pratos e coa voz tatexante, espetoulle ó Canelliñas:

-Compadre Canelliñas...vostede deulle o meu nome á garda civil...!!!

O sarxento, morto de risa, comentou:

-Vaia se se coñecían, ata son compadres!

(Adolfo Fernández Dafonte)