Autoestradas de pago ou de balde

las-diez-obras-de-ingenieria-mas-espectaculares-del-mundo
Autoestradas de pago ou de balde

Ao remate dos meus estudos, comecei a traballar. Corría o ano de 1988. Por circunstancias da actividade da empresa, adoitaba ir á Coruña case que unha vez por semana. A viaxe era máis ben un auténtico calvario, sobre todo no treito Pontevedra-Santiago, no que daquela aínda non existía nel a autoestrada, limitada aos treitos Vigo-Pontevedra e Santiago-A Coruña. Porque ás lóxicas e necesarias limitacións de velocidade, engadíase tamén a imposibilidade de realizar adiantamentos en moitos lugares da estrada, xa fose pola prohibición ou pola dificultade do tráfico.

las-diez-obras-de-ingenieria-mas-espectaculares-del-mundoEscribo este artigo na véspera do día de Santos. E neste día de remate do mes de Outubro volven subir as peaxes da AP-9, a autoestrada galega que cada pouco vai cambiando de donos. Coa nova subida de tarifas, escollendo unha viaxe entre as cidades de Vigo e Ferrol, o importe da peaxe queda establecido en 18,20 euros para a ida e outro tanto para a volta. Total, trinta e seis euros cuarenta céntimos para cubrir os 352 quilómetros (según Google Maps) que debería facer para saír da miña casa en Vigo, ir tomar un café a Ferrol e regresar. O que se di barato, barato, non é. Sobre todo, se vexo que para ir tomar o café a Madrid só teño a peaxe do túnel do Guadarrama nun treito de 594 quilómetros e que costa 12,50 euros. Como despois do café teño que volver a casa, terei gastado vinte e cinco euros nas peaxes de ida e volta a Madrid. Algo que non consigo comprender. E pódenme crer que me esforzo por facelo. Mais non hai maneira.

Outra das cousas que non comprendo e como se autorizou a subida das peaxes xa en xaneiro deste ano sen rematar aínda as obras da ponte de Rande. Teñen pinta de non rematar. Eu véxoo decote, pois case todas as semanas cruzo a ponte para achegarme a Moaña. Operarios traballando, as zonas de comunicación entre os carrís laterais e centrais para casos de emerxencia ocupadas con maquinaria, cortes de carril por obras, etc. Se iso é rematar unha obra, que veña o técnico que asinou o final de obra ou a autorización de posta en servizo porque eu tampouco o comprendo.

Con todo isto, o que xa non acado a comprender e a noticia que leo no xornal Gasteiz Hoy publicado o día 18 de xuño deste ano: “La autopista Vitoria-Burgos será gratuita desde el 1 de diciembre”. Ou isto outro, publicado na Voz de Galicia o pasado 6 de setembro: “El ministro de Fomento, José Luis Ábalos, firmó el pasado 31 de agosto un real decreto por el que decidió que desde el pasado domingo su departamento costeará el 80 % del precio de los peajes de los vehículos ligeros que circulen por dos tramos de la AP-7 y la AP-2 en Cataluña”.

Van alá moitos anos dende que nos deixou Castelao. Porén, seguen a mexar por nós e temos que seguir dicindo que chove. E pagando peaxes.

Rafael Laso Lorenzo