As aves na Limia

As aves na Limia
Para os ornitólogos e amantes das aves en xeral, o mes de xaneiro que xa rematou é un mes de...

Para os ornitólogos e amantes das aves en xeral, o mes de xaneiro que xa rematou é un mes de contar. Moitos son os que collen os primáticos, telescopios, papel e lápis.

Sobre todo fanse censos das aves acuáticas, moitas delas empuxadas polo frío do norte, e que veñen a pasar uns días entre nós. Ano tras ano son contadas e recontadas.

Para que?

Por un lado tentando saber se hai variacións nas poboacións, por se se producen declives significativos. Se esto é así haberá que investigar que é o que está pasando. As aves son indicadores da saúde dos ecosistemas. O que prexudica as aves, e a fauna e flora en xeral, prexudícanos a nós. (Aínda que non o queiramos ver)

Por outro lado está o irresistible pracer de observar a estes animais, de diferencialos pola forma, polas cores, polo canto... Penso que esto entronca co primeiro motivo, de maneira egoísta necesitamos ver aves e cantas máis especies e en maior cantidade, mellor.

Na Limia desde hai anos a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) con Serafín, Marcos e Isabel á fronte vén facendo censos de aves acuáticas.

O pasado día doce de xaneiro fíxose na Limia o correspondente ao ano 2013. En breve poderemos ver os resultados.

No mesmo día a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) con Alexandre e Marino, e  coordinados pola Sociedad Española de Ornitología (SEO), organizou na Limia e Baixa Lima, un censo de Corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo). Este censo estaba promovido pola UICN/Humedales Grupo Internacional de Investigación de Cormorán e o proxecto “CorMan”, en colaboración coa Comisión Europea; con el preténdese saber o número e distribución desta ave no Paleártico occidental (en total uns cincuenta países).

Centos de persoas sincronizadas en cincuenta países para contar nos días 12 e 13 de xaneiro estas impresionantes aves.

Tamén en xaneiro no VIII Congreso Galego de Ornitoloxía da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) Diego R. Vieites como poñente, presentou un estudo sobre o efecto da introdución de illas flotantes artificiais na diversidade e abundancia de aves acuáticas na ZEPA da Limia.

E agora comeza febreiro. As Cegoñas brancas (Ciconia ciconia) nos niños dobran o pescozo e chocan o pico (crotoreo) para chamar a vida. Os lavancos (Anas platyrhynchos) perséguense e choupan nun cortexo un pouco escandaloso para unhas aves tan tranquilas. Os Paporrubios (Erithacus rubecula), paxaros que non se alonxan moito dos ríos e regatos, cantan nas árbores do parque e do río Limia. Algo se move.

E por certo,  para que serven os paxaros? A resposta na pubicación recente do ornitólogo galego Antonio Sandoval Rey, un libro con este estimulante título: ¿Para qué sirven las aves? (Tundra Ediciones).

Pepe Calleja