Benvidos o NON-ENTROIDO 2021 de Xinzo de Limia.
Onde fomos a parar este ano con tanta leria! E estanos ben empleado, que é o peor.
Agora botamos as mans a cabeza e choramos polo Entroido e mesmo o Concello bota un bando prometendo máis controis nas rúas, máis sentidiño na xente e non sei cantas cousas máis. A buenas horas.
Pero recapitulemos e lembremos algunha que outra cousiña destes últimos meses. Cousiñas desencadeantes desta nefasta situación que nos toca vivir de novo e que, con moita mala sorte, nos acabou quitando o que máis esperan os limiaos ó longo do ano, o noso sacro Entroido, festa das festas.
Por novembro notamos unha gran pena cando se decidiu pechar novamente os nosos locais hostaleiros, cando a cousa estaba crúa, e vimos como pouco a pouco a incidencia dos casos de COVID-19 baixaban ata atoparnos nunha segunda, ou terceira, xa non sei, normalidade.
Unha subida tolerante, podiamos dicir en comparación con esta última, que novamente se lle achacou polo baixo a hostalería mentres o gurú da Xunta, un tal señor Feijoó, reiteraba case como unha letanía nos partes do serán que: "la culpa no la tiene la hostalería, ese gran sector afectado por el comportamiento del pueblo".
Casualidade que xustamente coincidira a baixada de casos coa ponte da Constitución e o comezo das festas do Nadal? Claramente non. Non fora ser que nos roubaran o Nadal, como nos contos de Theodor Seuss Geisler. Algo se escoitara de que poucos PCR se fixeran por aquela época. A saber se é certo...
Por decembro a cousa mantívose daquela maneira subindo ós poucos de novo a incidencia, botando á rúa accións festivas, como os Goffies, os Mickies, o Papa Noel, etc. coas rúas alumeadas, as arbores e as casiñas nas prazas, as músicas de Maria Carey resoando como un eco incansable nos miolos da xente, todo precioso.
Cabe matizar que non é un ataque ó noso Concello, ou non soamente a el. Vamos dicir que este ano isto que escribo será o noso testamento da Sardiña.
O caso e que, case como se fora unha película de José Luis Cuerda, así de surrealista e pantomímica, vendo o que nos viña enriba, aquí, na nosa querida vila e arredores, houbo unha man solta digna de admirar e aínda por riba fomentada pola Xunta de Galicia que viu a ben soamente recomendar que "mellor non se xuntar" pero mentres, levantaba a supresión de mobilidade e aproveitaba para aumentar o toque de queda ata a mesmísima 1:30 h. da noite, os nenos abrazando incansables a un señor traxeado de fantasía de Dinsey, todos a unha como Fuenteovejuna, mentres os primos de Vigo viñas cenar ó pueblo.
Pero repetimos, que non se esqueza ninguén: a culpa é da hostalería.
Coma quen lle di a un neno: non toques! Nós collemos e tivemos que tocar e irremediablemente botóusenos enriba o BICHO, pero con máis forza ca nunca!
E logo as matanzas, onde o único que podía asistir o evento era o porco, por ser convivinte, acabaron de esmagar a última das nosas posibilidades de ver o noso Entroidiño na rúa de novo.
Pero aquí, no Excmo. Concello de Xinzo e Limia e arredores, o único que importaba era ver si algún bar estaba pondo o café de pote ou de maquina expreso, se salías do Concello en moto con sidecar ou en coche eléctrico.
Entón, como imos crer no que nos dín? Como vamos a atender ó civismo? Non digo non mantelo, que quede claro. É xustamente necesario vogar porque todo isto remate canto antes pola saúde dos nosos petos e das nosas cabeciñas. Pero bueno. Non me vale nin Concello, nin Xunta, non Garda Civil, nin municipais, nin gaitas para que me pidan civismo, cando soamente importou, nestes meses de Nadal, que as grandes tendas e almacéns puidesen estar abertos sen importar se había 100 ou 500 persoas dentro, cando viamos os bares da nosa localidade esmorecendo e si acaso conseguían ter 4 clientes a vez xa dicían que fixeran caixa, cando nin os corpos da lei, en moitos casos, controlaban as normativas vixentes, cando logo de ter case máis de 100 casos, e subindo, aínda tivo que rematar o Nadal para ver si tomaban medidas ou non.
Logo, "como agua de mayo", un cribado masivo para ver que tal nos ía.
Pois mal. Moi mal. E decíacho calquera sen cribado. Solo se confirmou o esperado: que as normas da Xunta valeron para que estiveramos coma unha galiña sen cabeza.
E agora choramos por non ter Entroido pero resulta, queridos amigos, que o Entroido en Xinzo é o que é. A xente vive por e para o Entroido e á cona a Navidad.
Espero escoitar unha gaita, estourar unha vexiga, resoar unha campá e ver voar unha ola, aínda que sexa en silencio, moito máis do que esperei ver o lucerio de Nadal, ou os insufribles villancicos a todas horas. Dixit.
Como escolma deste texto apetéceme de bo grado empezar coas coplas da Sardiña, aínda que este ano non faga falla enterrala. Ahí van:
Comeza a historiadun ano sin igual
que nin Lamas nin Sainza
nin festas de guardar.
Foi cara o mes de marzo
cando deron toque de queda
e dende entón ata hoxe
xa non houbo maneira.
Que si máscara na cara
e hidrogel en pipotes
parecia o fin do mundo
con tantos e tantos brotes.
Entón, que me desvio
da historia principal,
dunha amiga miña
que se encontraba moi, moi mal.
Sardiña de nacemento,
do río Limia de Xinzo,
confinanda non sei canto
nun pequecho apartamento.
Tiña unha dor no peito
que non se lle pasaba
o ver o que se viña:
nin Entroido, nin fareladas.
Foi un dia que no leito
con fiebre e comezón
chamou o ambulatorio
pra que lle derán razón.
Chama e chama a Sardiña
e alí non contestaban
seica estaban todos
tranquilos na casa.
Entón moi preocupada
sin saber que facer
chamou a Guardia Civil
a ver que podía ser.
Contestou o teniente
moi malhumorado
que con tanto cambio
estaba ata o carallo.
Preguntoulle a Sardiña
moi avergonzada:
Podo ir Concello
andando dende a casa?
O guardia non sabia
o que lle contestar
entón por precaución
empezou il a recetar.
Vouche por unha multa
solo por preguntar
que dixeron no concello
que habia que recaudar.
Ahora si, a Sardiña
doente e ferida
saiu da casa
de todo escocida.
Pediu cita en registro
como "marcan las medidas"
e deronlle pas dúas
porque alí non se collía.
Vendo que tiña tempo
ben de almorzar
foi ata a plaza
a pedir un cafe pra levar.
Costoulle ver onde
coller o cafeciño
porque alí non habia
nin sequera un veciño.
E nesto que pasou
o coche dun municipal
e con medo de reproches
botouse a camiñar.
Pararona na Rá.
Ela xa suaba!
E o final por ser
xa non era nada.
Solo querían mirar onde ia
con tanta presa a Sardiña
a esas horas ela sola
pola vacía avenida.
Ela con moito medo
dixo case calada
que ia comprar leitugas
pra facer unha ensalada.
Cando xa nin viu as luces
deu volta atrás
e correndo pola Gilmo
chegou ata alá.
Subiu a alcaldía
a ver si a atendían
pero non estaba a Elvira
ou eso lle decían.
A pobre Sardiña
sin saber que facer
foi a plaza do Concello
e, cona, empezou a chover.
Ela mira que mira
po reloxo da fachada
que en vez de contar
parecía que descontaba.
Entón viulle a mente
aqueles vellos tempos
onde todos os veciños
andaban moi contentos.
Acordouse do Fareleiro
e da xente na plaza,
do Pucho ca carroza
botando fareladas.
Acordouse do Oleiro,
cas gaitas a tocar,
os bailes nas rúas
e as olas a voar.
Acordouse do Corredoiro,
das vexigas a estourar,
das campás das Pantallas
correndo sen parar.
Acordouse do Entroido,
de toda a xente cantar,
coas charangas polas rúas
nunha festa sen par.
En fin, acordouse de todo
o que lle traia bos recordos
antes de que o bicho
entrara nos corpos.
E a pobre Sardiña
xa moi cansada
non aguantou máis
e marchou para a casa.
O caso amigos,
que de camiño onde vivía
a Sardiña moi mala
estaba que morría.
Camiñaba os poquiños
ela pola San Roque
xa sen folgos, nin alento
pensando na morte.
Entón foi cando a Sardiña
nun mércores de Cinsa
sen ver Entroido vivo
morreu sin unha misa.
Esta évos a historia
deste pobre animal
que non verá na plaza
chorar a ninguén máis.
Sorte que os de Xinzo
temos unha cousa:
o Entroido dentro
danos moita forza.
O Entroido somos nós
e o sentimento levase dentro
xa vira outro ano
onde coller alento.
Iván Prado