Bob Dylan e o premio Nobel

Bob-Dylan
Bob Dylan e o premio Nobel

O dez de outubro do ano pasado, saiu neste xornal un artigo meu titulado Unha bicicleta. Remataba o primeiro parágrafo con esta frase: \“A min gustaríame que un día (moitos me poderán criticar por isto) llo desen a Bob Dylan ou a Leonard Cohen, mais coido que tal cousa non acontecerá nunca\”. Como ben se ve, como adiviño non me ía gañar a vida.

Bob-DylanTeño máis de cincuenta discos (entre vinilos e CD) do vello Robert Allen Zimmerman. Se me preguntasen cal das súas cancións é a miña favorita, tería que pensar moito a resposta e talvez non sabería escoller unha. Despois destas poucas palabras non fai falla que recoñeza que son un devoto de Dylan, da súa música. Por iso non quixen escribir este artigo ata agora, máis dun mes despois de serlle outorgado o premio Nobel de Literatura. Si, a Dylan, a Bob Dylan, un cantante, o mesmo que xa colleitara o Príncipe de Asturias e o Pulitzer. Se a miña memoria non falla, a Academia sueca non vai ser pioneira con iso, pois no ano 1998 a Real Academia Galega adicoulle o día grande das nosas Letras a tres trobadores medievais: Martín Códax, Mendiño e Johán de Cangas.

Hai escritores que soñan co Nobel, imaxino que sempre, cada intre, cada día da súa vida. Creo que foi Cela quen dixo aquilo de \“peor para o Nobel\” un ano que estivo nominado ó premio e non llo concederan. Non imaxino a Dylan dicindo algo así, senón cun lene e pícaro sorriso nos seus beizos ó enterarse da distinción. Supoño que tanto lle ten que llo concedesen ou non. Mais tampouco hai que escandalizarse por iso. Hai letras de Dylan, moitas, que son en si mesmas textos de mensaxe profunda e impactante. Ata a súa chegada, as letras de cancións da época falaban de cousas banais e nada tiñan de contido. Bob retorceu o xeito de escribir letras, facendo que nelas se contasen historias. Había cancións dunha duración impensable para o que se adoitaba daquela. Nalgún LP, como por exemplo o exitoso Blonde on Blonde, unha canción ocupaba toda unha cara, cousa rara na época. Nun dos seus últimos álbumes, Tempest, a canción do mesmo título describe marabillosamente a traxedia do naufraxio do Titanic ó longo de catorce minutos e cun ton que nada ten que ver co da película de James Cameron.

Cando no ano 1965 saiu Like a rolling stone, ningunha letra de cancións da época deixaba reflexións tan fondas como as que se reflicten nos versos desta. Dylan rachou a tendencia da música imperante nos anos sesenta. As súas cancións contan historias baseándose na forza expresiva duns versos, que Dylan (nalgunhas delas) recita máis que canta sobre unha música de fondo de acordes simples que talvez axuden a salientar o seu significado.

Nunha das súas cancións di \“acadei o fondo dun mundo cheo de mentiras\”, un mundo no que veñen de darlle un Nobel de Literatura ben merecido mais que dis que non vai recoller. E na cerimonia do día dez de decembro, confirmouse esa verdade: non foi. Dende logo, eu, dylanita convencido, non creo que iso sexa unha mentira máis desas das que está o mundo cheo, senón quizáis algo de mala educación.

Rafael Laso Lorenzo