De buxos cortados e plátanos por cortar

174
De buxos cortados e plátanos por cortar

174Hai un par de domingos, achegueime ata Moaña, a vila do Morrazo onde adoito pasar o verán, para que o meu fillo andase en bicicleta polo estupendo paseo costeiro que bordea o mar. Era un día fermoso, cun ceo azul e limpo de nubes. En días coma ese, nas fins de semana, centos de familias con nenos chegan a Moaña dende Vigo ou os arredores, para pasar a tarde nun excelente parque infantil onde os picariños e picariñas xogan nun barco pirata cheo de cordas, tobogáns e rampas, en bambáns e mesmo nun castelo amurallado onde máis de un soña ser cabaleiro e máis de unha soña ser princesa. Namentres, pais e nais, sentados nos bancos que bordean e limitan todo o parque, aproveitan para parolar sen quitar ollo das súas crianzas. Rapaces e rapazas adolescentes xogan partidos na pista de baloncesto ou amosan o seu dominio cos patíns. E os maiores, homes e mulleres xubilados, aproveitan para xogar interesantes partidas de petanca nunha pista que hai perfectamente acondicionada, arredor da cal se xunta moito público para contemplar a mestría de xogadores e xogadoras. As cafeterías dos arredores fan a tarde coas vendas de cafés e de xeados.

Ese día eu notaba algo estraño no parque e foi o meu rapaz quen me dixo que era: Mira, papá, quitaron os buxos! De socato, quedei pampo. Entre a rúa e o paseo, pola parte do beirarrúas que linda con aquel, os coches estacionaban en batería e existía unha barreira de separación entre os autos aparcados e o paseo. Esa barreira era un pequeno muro vexetal a base de buxos, todos eles perfectamente cortados a mesma altura, formando unha sebe coidada e uniforme. Cando era a época, daba gusto velos florecidos. Digo \“era\” porque esa barreira foi arrancada sen piedade. O espazo que ocupaba foi substituído por unha capa de asfalto negro e escuro, dende a que se pode acceder sen molestias ó maleteiro dos coches estacionados en batería.

Hai cousas que un, por moito que se empeñe, non é quen de comprender. Sobre todo no tocante a esta teima de arramplar con árbores e prantas. Os buxos do paseo de Moaña xa non teñen remedio. Espero que, polo menos, na miña vila de Xinzo, os plátanos da estrada do San Mateo, eses dos que falei eiquí o outro día, se vexan libres desa mala sorte.

Rafael Laso Lorenzo